Oito medallas para o atletismo galego no absoluto de Málaga
O atletismo galego asinou unha extraordinaria actuación nos Campionatos de España Absolutos celebrados esta fin de semana en Málaga, onde conseguiu un balance de oito medallas, nove postos de finalista e un novo récord galego absoluto, confirmando o excelente momento polo que atravesan os seus principais referentes.
Os títulos chegaron da man das grandes bazas galegas. Belén Toimil volveu demostrar o seu dominio no lanzamento de peso ao proclamarse, por sexta vez consecutiva, campioa de España. A plusmarquista de España acadou unha mellor marca de 16.67 metros (X/16.47/X/16.67/X/X), suficiente para seguir reinando na especialidade unha tempada máis.
Tamén cumpriu cos prognósticos Yulenmis Aguilar, quen chegaba a Málaga tras disputar unicamente dúas competicións nesta tempada. A finalista olímpica conquistou o título de xavelina cun mellor lanzamento de 59.48 metros (57.01/57.45/X/59.48/X/56.44). Máis aló da medalla de ouro, a mellor noticia foi comprobar que completou todo o concurso sen molestias físicas, un feito que devolve á plusmarquista galega ao primeiro plano internacional despois de dúas tempadas marcadas polas lesións.
No medio fondo, Adrián Ben sumou o seu cuarto título de España absoluto ao aire libre tras imporse nos 1.500 metros cun tempo de 3:47.54. O campión de Europa en pista cuberta deu unha nova mostra da súa madurez competitiva, interpretando á perfección unha carreira táctica e resolvéndoa cun ataque brillante nos últimos metros.
A marcha volveu converterse nun dos grandes focos de atención para a afección galega. Na primeira xornada do campionato, Dani Chamosa logrou a medalla de bronce nos 10.000 metros marcha cun excelente rexistro de 39:28.23, que supón un novo récord galego absoluto. O atleta da Gimnástica de Pontevedra continúa confirmando a súa progresión cunha tempada de enorme nivel.
Se a categoría masculina deixou grandes sensacións, a feminina ofreceu unha das imaxes do campionato. Nos 10.000 metros marcha, Antía Chamosa proclamouse subcampioa de España cun tempo de 43:29.19, mentres que Aldara Meilán, da Atlética Lucense, completou o podio coa medalla de bronce grazas aos seus 44:43.51. A proba foi gañada pola campioa olímpica María Pérez, quen ademais estableceu un novo récord de España, nunha carreira de altísimo nivel na que as marchadoras galegas volveron demostrar o enorme potencial da escola galega.
Unha das grandes sorpresas do campionato chegou da man de David de la Fuente, quen asinou a mellor actuación da súa carreira deportiva ao proclamarse subcampión de España nos 5.000 metros cun tempo de 13:59.70. Un resultado que recompensa o traballo constante, metódico e progresivo desenvolto nas últimas tempadas.
Outra das grandes noticias para o atletismo galego foi a actuación de Pedro Osorio nos 800 metros. Tras clasificarse para a final por tempos con 1:49.82, o atleta protagonizou unha magnífica carreira na final para conquistar a medalla de bronce cun excelente 1:47.35, só superado por Barroso e Attaoui, consolidándose entre a elite nacional da especialidade.
Ás portas do podio quedou Blanca Pereira, cuarta no lanzamento de martelo cun mellor intento de 58.50 metros, o mesmo posto que acadou o equipo masculino da Gimnástica de Pontevedra na remuda 4×400 metros, cun rexistro de 3:08.28.
Entre os postos de finalista tamén destacaron Carlos Revuelta, en martelo (58.24 m); Manuela Blanco, en pértega (3.91 m); Gerson Vidal Izaguirre, nos 110 metros valos (16.08); Jonathan Correa, en xavelina (64.92 m); Olaia Guisela Becerril, en lonxitude (6.19 m); Mar Chillón, nos 10.000 metros marcha (49:58.26); Paula Piñón, en xavelina (43.80 m) e Lucía Sánchez del Valle, en heptatlón (5.172 puntos).
Mención especial merecen tamén os atletas que forman parte da nosa selección ao contar con ficha galega, pero que pola súa condición, toman parte como fora de consurso. A colombiana Yiset Magali Jiménez, do Sanysec Ourense, conseguiu o segundo posto no lanzamento de xavelina cun mellor intento de 53.62 metros, (X/53.18/53.62) mentres que o ecuatoriano Juan José Caicedo rematou cuarto no disco cun mellor lanzamento de 58.66 metros (58.27/X/58.66).
Foto RFEA