Presentouse no día de onte a vixésima edición da C10
A Coruña celebrará o vindeiro 4 de outubro a XX edición da Coruña10, a carreira popular máis lonxeva da cidade, que este ano incorpora como principal novidade unha meta inédita na praza de María Pita, coincidindo co aniversario da proba.
A alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey, e o presidente da Comisión Xestora da Federación Galega de Atletismo Iván Sanmartín, destacaban na súa presentación levada a cabo no día de onte, que a chegada ao corazón da cidade achegará un maior simbolismo a esta edición e permitirá mellorar os espazos destinados aos servizos para as persoas participantes. O percorrido manterá a saída na avenida de Montoto e incluirá un tramo polo interior dos peiraos antes de finalizar na emblemática praza.
As inscricións abriron onte cos primeiros 3.000 dorsais e desenvolveranse en tres fases, con tarifas reducidas no primeiro prazo e bonificacións para persoas desempregadas, maiores de 65 anos e familias numerosas.
Durante a presentación tamén se puxo en valor o excelente momento das carreiras populares na cidade. A edición de 2025 reuniu 3.500 participantes, o mellor rexistro da última década, e acadou unha participación feminina histórica, con 725 mulleres inscritas, preto do 28 % do total.
A promoción desta edición contará coa colaboración da exatleta Solange Pereira, máxima gañadora da Coruña10, e coa implicación do sector turístico. Grazas ao acordo entre o Consorcio de Turismo e Hospeco, once hoteis ofrecerán descontos de entre o 8 % e o 25 % nas estadías durante a fin de semana da carreira.
A presentación serviu tamén para dar a coñecer o cartel oficial da XX Coruña10, obra do deseñador coruñés Antón Lezcano, que aposta por unha imaxe de forte identidade local e atlántica para representar unha das citas deportivas máis emblemáticas da cidade.
O Concello anunciou ademais que nos vindeiros días dará a coñecer novas novidades da carreira, entre elas o primeiro atleta de elite participante nesta edición.