Saltar ao contido
Campionato de España

Galicia pecha o Campionato de España Sub20 con 13 medallas

A expedición galega completou unha brillante actuación no Campionato de España Sub20, disputado esta fin de semana en Albacete, ao sumar un total de 13 medallas (2 de ouro, 5 de prata e 6 de bronce), ademais de 18 postos de finalista e dous novos récords galegos, confirmando o excelente momento do atletismo da nosa comunidade.

Entre os resultados máis destacados sobresae, unha vez máis, a proba dos 3.000 metros obstáculos femininos, na que as irmás Demeku e Debris Paniagua, do Atletismo O Pino, volveron dominar con autoridade ao ocupar as dúas primeiras posicións do podio. Demeku proclamouse campioa de España cun tempo de 10:25.88, mentres que Debris foi subcampioa con 10:26.39, culminando así unha extraordinaria tempada na que ambas acadaron tamén a internacionalidade.

Outro dos grandes éxitos galegos chegou no lanzamento de martelo feminino, onde Galicia asinou un novo dobrete. A internacional e campioa iberoamericana Sub20 Aixa Corbacho, do Valencia Atletismo, cumpriu cos prognósticos e conquistou o título de España cun mellor lanzamento de 57.81 metros. A prata foi para Mar Simón, do Celta Atletismo, quen realizaba a súa mellor marca persoal con 49.87 m.

Tamén subiu ao segundo chanzo do podio o internacional iberoamericano Álex César, recentemente recuperado dunha lesión, que conseguiu a medalla de prata en lanzamento de xavelina grazas a un mellor intento de 61,68 metros (MMP). A mesma recompensa obtivo Iria Solera, do Sanysec Ourense, no salto de altura, tras superar o listón situado en 1,74 metros, confirmando a súa constante progresión.

Nas carreiras, a campioa de España indoor Celia Castro logrou a medalla de prata nos 800 metros, cun rexistro de 2:08.98, nunha final de gran nivel e moi disputada.

As seis medallas de bronce chegaron da man do campión e plusmarquista de España Alex Sierpes quen asinaba un bronce sobre os 1.500 m. con 3:52.02. Xa nos valos, dobre representación galega no podio por parte de Pablo García do ADAS CUPA nos 110 valos con 13.97 e a do moañés campión galego absoluto Leo Rodríguez nos 400 valos, quen cun rexistro de 52.19 lograba un novo récord galego Sub20.

No dobre hectómetro feminino, Marta Caamaño, do Celta Atletismo, asinou unha magnífica competición. Nas eliminatorias correu en 24.05 (+2.4), rexistro invalidado polo vento favorable, pero nas semifinais marcou 24.16 con vento regulamentario, establecendo un novo récord galego Sub20. Xa na final confirmou o seu excelente estado de forma coa conquista da medalla de bronce grazas aos 24.49.

Outra das medallas galegas foi para o internacional Nico Collazo, do Ames Atletismo Savante, quen confirmou o seu papel de aspirante ao podio ao finalizar terceiro nos 5.000 metros marcha, cun tempo de 20:15.65.

Como broche á participación galega, o cuarteto do Celta Atletismo formado por Uxía Vidal, Valeria González, Martina Gutiérrez e Marta Caamaño conquistou a medalla de bronce na remuda 4×100 metros, tras deter o cronómetro en 47.06.

Á marxe dos metais, cómpre destacar os cuartos postos de Lucas Vázquez nos 400 metros, con 47.82, e de Iker Fernández, do Lucus Caixa Rural Galega, nos 3.000 metros, con 8:39.44, quedando ambos ás portas do podio.

Galicia sumou ademais numerosos postos de finalista: 5ª Leire Fonseca nos 200 m.; 5ª María Estévez nos obstáculos; 5ºAnxo Filgueira en martelo; 5º Eloy Acuña en disco; 5ª Gema Dacosta en peso e 8ª en disco; 6º Gonzalo Cuns en triplo; 6º Jesús Arias en decathlon; 6ª Alexandra Lence en pértega; 6ª Mar Simón en disco; 7º Gael Couñago en altura; 7ª Sabela Martínez nos 3.000 m.; 7ª Martina Gutiérrez en altura; 8ª Icía Ares nos 5000 marcha; 8º Remudas 4×100 masculinas do CA.Sada

Resultados

Compartir