Blanca Pereira e David Vicente, campións de España Sub23
A expedición galega de 37 atletas, asinou unha excelente actuación no Campionato de España Sub23, celebrado esta pasada fin de semana en Cáceres, cun balance de catro medallas —dúas de ouro, unha de prata e unha de bronce—, ademais de once postos de finalista.
A actuación máis destacada chegou da man de Blanca Pereira (Sanysec-Ourense), quen suma un novo título de campioa de España en lanzamento de martelo. A internacional galega asegurou a vitoria no seu derradeiro intento cun magnífico lanzamento de 60,99 metros, culminando un concurso de enorme autoridade.
A ourensá dominou a competición de principio a fin, superando en catro dos seus cinco lanzamentos válidos (58,38 – 55,98 – 58,45 – 58,37 – nulo – 60,99) os rexistros de todas as súas rivais. Unha actuación que confirma a Blanca Pereira como unha das grandes promesas do atletismo español nesta especialidade.
A segunda medalla de ouro foi para o pontevedrés David Vicente, que se proclamou campión de España dos 110 metros valos tras un campionato impecable. Dominou as eliminatorias con 14.66, superou a súa semifinal con 14.71 e rubricou o título na final cun excelente 14.19, marca que o consolida como o mellor especialista estatal da categoría e un dos homes de futuro nesta modalidade.
Nos concursos, Fernando Vallines Fernández volveu subir ao podio no lanzamento de peso. O atleta galego repetiu o bronce conseguido o pasado ano en Castelló, grazas a un mellor intento de 16,86 metros, mellorando incluso aquel rexistro que no seu momento fora MMP con 16.63 m.
Malia estas estes excelentes medallas, o mellor estaba ainda por vir xa que na proba de combinadas tomaban parte dúas das favoritas ao podio, Lucía Sánchez del Valle da Gimnástica e Carlota Salgado do Celta. A lucense, nun gran momento de forma, asinaba unha puntuación total de 5.327 p. (5.404 MMT para ela este ano) a tan só 21 puntos da gañadora que lle permiten seguir medrando nesta especialidade onde este ano lograba a internacionalidade. Pola súa banda non menos importante resultou o concurso da Carlota Salgado quen asinaba unha gran puntuación de 5.233 p. (MMP) ca cal accedía ata o terceiro posto do caixón deste campionato.
Ás portas do podio quedou Fabián Vidal nos 400 metros lisos, nunha das probas de maior nivel do campionato. O atleta barbanzán clasificouse para a final cunha marca de 46.52 nas semifinais e rematou finalmente na cuarta posición cun tempo de 46.64.
Salientable tamén a actuación da plusmarquista galega dos 100 e 200 m. Ainhoa Repáraz quen nun ano difícil de profundos cambios e intervencions médicas, lograba pechar a tempada con excelentes logros. En Cáceres, e ca ilusion e as boas sensacións recuperadas, remataba cuarta sobre os 100 m. con 11.63
Tamén acadou un meritorio cuarto posto Manuela Blanco (Sanysec-Ourense) no salto con pértega. A mellor especialista galega da disciplina, que recentemente superara os 4,00 metros en Pamplona, tivo que conformarse nesta ocasión con 3,80 metros, rexistro que lle permitiu finalizar ás portas das medallas.
Moi preto do podio estivo igualmente o equipo masculino de 4×100 metros do Marineda Atletismo (Javi Galán/David Vaamonde/Eloy García/Yago López) que rematou na cuarta posición, quedando a tan só tres centésimas da medalla de bronce.
Completaron a destacada actuación galega os seguintes postos de finalista: Xiana Lago, en peso; Pilar Rojo, nos obstáculos; Lisa Vosberg, en pértega; Eloy García, nos 200 m.; Nicolás Ortega, en disco; Daniel Villanueva, en martelo e Xoel Otero, en decatlón.
Foto: RFEA