Pereiro de Aguiar reúne á elite do atletismo galego (II)
Continuamos coa previa do Campionato Xunta de Galicia Absoluto ao Aire Libre, que na primeira entrega repasaba as principais competicións da categoría masculina. Nesta ocasión, a atención céntrase na categoría feminina, que, malia contar con algunhas ausencias destacadas, volverá reunir a varias das mellores atletas galegas do momento nun programa no que se agardan numerosas probas de gran nivel.
Na velocidade, todas as miradas estarán postas en Ainhoa Repáraz, quen, tras recuperar as mellores sensacións e regresar da súa etapa nos Estados Unidos, comparece cun excelente rexistro de 11.47 nos 100 metros, o mellor das participantes, que a converte na principal candidata ao título. Xunto a ela, a campioa galega indoor sub20 Paula Conde (Lucus Caixa Rural) aspira tamén a ocupar un posto no podio.
Nos 200 metros, Marta Caamaño (Celta Atletismo), coa mellor marca das inscritas de 25.05, terá unha excelente oportunidade para conquistar o título autonómico ao aire libre despois de que Inés Oitavén (RIA Ferrol) se proclamase campioa galega en pista cuberta. A propia atleta ferrolá partirá como gran favorita nos 400 metros, distancia na que tamén se impuxera durante a tempada invernal.
Nos 800 metros, Himi Lamiyae (Atletismo Narón), que esta tempada xa pode optar ás medallas nos campionatos autonómicos, preséntase como a gran favorita para facerse co título.
A proba dos 1.500 metros promete tamén unha fermosa loita polo ouro. A subcampioa galega de campo a través, Ángela González do Comesaña S.C., aparece como unha das principais aspirantes, aínda que terá unha dura oposición en Leyla Villar (Sanysec-Ourense), nunha das carreiras máis atractivas do medio fondo. Precisamente nos 5.000 metros, Andrea Díaz (RIA Ferrol) parte como a atleta mellor situada para proclamarse campioa galega.
Nas probas de valos, Nerea Amigo (CAPEX), cunha marca de 14.36 nos 100 metros valados, e Lía Caride (S.Gimnástica), que acredita 59.19 nos 400 valados, presentan as mellores credenciais para facerse cos respectivos títulos autonómicos.
Máis igualada se presenta a competición dos 3.000 metros obstáculos, onde Pilar Rojo do Riazor At., intentará revalidar o título conquistado o pasado ano. Enfronte terá a María Estévez (S. Gimnástica), separada por pouco máis de medio segundo nos rexistros desta tempada.
Nos concursos de salto, as atletas do Sanysec-Ourense volverán ser protagonistas. Iria Solera lidera a inscrición en altura cos seus 1,76 metros, mentres que Manuela Blanco parte como favorita na pértega cun mellor rexistro de 3,96 metros, apenas unhas semanas despois de contribuír as dúas ao histórico ascenso do seu club á División de Honra.
Unha das atracións do campionato e ver a participación na lonxitude da internacional Olaia Guisela Becerril do Super Amara clara domiñadora con 6.31 m. é unica das que toma parte por encima da barreira dos 6 m. No triplo, a ourensá Alba Martínez non debería ter problemas para lograr o autonómico xa que os 12.45 m. posiciónana nun destaco primeiro lugar do ranking.
Nos lanzamentos, a internacional e vixente campioa galega Xiana Lago do RIA Ferrol, defenderá os títulos de peso e disco. Precisamente nesta última especialidade a naronesa, Evelyn Fernández preséntase como a principal alternativa ao ouro da atleta ceense.
Sen abandonar os lanzamentos, outra das grandes figuras será Blanca Pereira (Sanysec-Ourense). A internacional e campioa de España, parte como clara favorita no concurso de martelo, onde tratará ademais de superar os 63,70 metros acadados esta tempada.
A xavelina ofrecerá un dos momentos máis agardados da fin de semana coa reaparición de Lidia Parada. A internacional e campioa de España do Barbanza, regresa á competición tras superar a súa lesión para recuperar sensacións, aínda que a mellor marca das participantes corresponde á vixente campioa galega, Yiset Magali Jiménez do Sanysec-Ourense, que acredita 59,35 metros.
A proba de marcha contará ca internacioal Icia Ares que defende título como clara aspirante ao ouro. A ourensá é xunto ca céltica Mar Chillón, finalista do último campionato de España de maratón marcha en ruta, as únicas que están por debaixo da barreira dos 25 minutos.
Finalmente, nas probas combinadas, a sub20 Martina Gutiérrez do Celta At. que chega coa mellor puntuación das inscritas (4.162 puntos), perfílase como a principal candidata ao título, aínda que Candela Vázquez do At. Sada intentará discutir a supremacía da atleta viguesa nun concurso que promete emoción ata a última proba.