Saltar ao contido
Clubs

Sensacións dispares na última xornada de Liga de clubs

A derradeira xornada do Campionato de Liga de Clubs puxo o punto e final a unha tempada na que, como adoita acontecer cada ano, houbo espazo tanto para as celebracións como para as decepcións entre os equipos galegos.

A gran noticia chegou da man do equipo feminino do Sanysec-Ourense, que protagonizou un campionato extraordinario culminado cun brillante ascenso á División de Honra. As ourensás sumaron a totalidade dos puntos en xogo na fase decisiva, certificando o seu regreso á máxima categoría do atletismo estatal máis de vinte anos despois da última presenza na elite, cando competían baixo a denominación do Grupo Academia Postal.

O éxito do conxunto ourensán sustentouse nun bloque sólido e moi compacto, formado maioritariamente por atletas galegas, que culminou unha progresión meteórica. Non en balde, hai apenas dous anos o club militaba na Segunda División.

Tamén na Primeira División feminina, a Sociedad Gimnástica de Pontevedra e o Celta Atletismo cumpriron cos prognósticos e aseguraron con solvencia a súa continuidade na categoría, tras rematar en posicións cómodas que lles permitirán seguir competindo un ano máis entre os mellores equipos do grupo.

Na competición masculina de primeira división, o Celta Atletismo asinou unha notable actuación na última xornada, resultado que lle permitiu sumar sete puntos e alcanzar un total de nove na clasificación global. Unha puntuación máis que suficiente para garantir a permanencia dos vigueses.

Non correu a mesma sorte o Atletismo Narón. O conxunto azulón chegaba ao encontro decisivo de Durango coa intención de obrar a remontada, pero non foi quen de cambiar o rumbo da competición. O último posto no octogonal e o único punto conseguido resultaron insuficientes para evitar o descenso de categoría.

Divisón de Honra

Na división de honra vivíronse sensacións contrapostas para os representantes galegos. Pola banda positiva, o equipo masculino da Sociedad Gimnástica de Pontevedra asegurou con autoridade a súa permanencia na máxima categoría, confirmando unha vez máis a súa consolidación entre os mellores clubs do panorama estatal.

Pola contra, o equipo feminino do Ría Ferrol non puido evitar o descenso nunha campaña especialmente complicada. As ferrolás concluíron a competición cun total de cinco puntos e un sexto posto no encontro octogonal disputado no Estadio de Vallehermoso, un resultado que non serviría para manter a categoría e que as devolve á primeira división.

Resultados

Compartir