Saltar ao contido
Trail Running

Esgos coroou aos mellores clubs galegos de Trail Running

O Concello de Esgos converteuse esta fin de semana no epicentro do trail running galego coa celebración do Campionato Xunta de Galicia por Clubs, unha cita que reuniu a unha vintena de equipos de toda a comunidade e que deixou un gran espectáculo deportivo sobre os sendeiros ourensáns.

A competición desenvolveuse en dúas distancias: un trail longo de 17 quilómetros e un trail curto de 8,5 quilómetros, coas saídas programadas desde as 11.00 horas para as distintas categorías.

Na proba feminina do trail longo, o CD Biosbardo confirmou os prognósticos e proclamouse campión galego grazas á regularidade das súas atletas, que lograron situarse entre as primeiras posicións da clasificación. O conxunto lucense sumou un total de oito puntos, destacando especialmente a actuación da gañadora María Frey quen estivo acompañada no podio por Rosario Figueroa, terceira na clasificación individual.  O Atletismo Arenteiro lograba o subcampionato grazas en parte ao segundo lugar de Lucía Peón, conducindo  Raquel Estévez ao  C.D. Pinarium ata o terceiro lugar do caixón nesta modalidade.

Na categoría masculina, o Castro Trail impuxo a súa lei para facerse co título autonómico. O triunfo individual de Federico Losada, acompañado polos excelentes resultados dos seus compañeiros Elpidio Gómez e Xenxo Laso, resultou decisivo para o éxito colectivo do equipo. O CDM Xesteiras, liderado por Yago Abeledo, acadou o subcampionato, mentres que o CD Biosbardo, campión da pasada edición e con Iván Sangiao como atleta máis destacado, completou os postos de honra.

No trail curto da modalidade Preclassic feminina, a SD Compostela Atletismo asinou unha actuación sobresaliente que lle permitiu conquistar o campionato galego. A gran protagonista foi Lucía Taboada, vencedora da proba individual. A Atlética Lucense e o Atletismo +9 Moraña, cos destacados rexistros de Elkia González e Ainoa Galán respectivamente, completaron o podio por equipos.

A competición pechouse coa carreira masculina do trail curto, onde o atleta sub-18 da SD Compostela, Diego Ferreira, protagonizou unha brillante exhibición ao cruzar a meta en solitario e con autoridade. Porén, o título por clubs foi para o C.D. Pinarium, grazas ás actuacións de Pablo Barreiro e Adrián Blanco, clasificados en sexta e novena posición. O Maderas Barcia Lourenzá-Cervo, liderado por Sidi Sangare, terceiro na clasificación individual, e o Club Atletismo Tambre, co destacado papel de Martín Villar, acompañaron aos campións no podio final.

A cita de Esgos confirmou o excelente línea de medre  que vive o trail running galego, reunindo aos mellores especialistas da comunidade nun importante campionato  tanto polo nivel competitivo como pola participación dos clubs.

Compartir