Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Balaídos acolle este domingo o galego máster

Máis de 600 participacións rexistraranse esta fin de semana no Campionato Xunta de Galicia Máster, que finalmente se celebrará nas pistas de Balaídos, en Vigo. O cambio de sede produciuse como consecuencia de diversos problemas de última hora nas infraestruturas nas pistas de Santiago, instalación inicialmente prevista para acoller a competición.

Presenza destacada

Entre a ampla relación de atletas participantes destaca a presenza de varios campións e plusmarquistas mundiais. Así, Esther Pedrosa (F65), do  Dawako At., tomará parte na proba dos 1.500 metros, mentres que Juan Manuel Morales (M45), do Marineda At., competirá nos 5.000 metros marcha. Pola súa banda, Fernando Míguez (M55), do Atletismo Sada, plusmarquista mundial  de remudas 4×200 metros no último Campionato de Europa Máster en pista curta, participará nas probas de velocidade e triplo salto.

Xunto a eles estarán tamén algúns dos atletas máis destacados dos recentes campionatos continentais. Entre estes figuran Manuel Paredes (M55), do At. Barbanza, nos 5.000 metros; Monserrat Fernández (F55), do Atletismo Sada, nas probas de 100 e 200 metros; Lina García (F55), que competirá nos 100 metros; e Luz María Domínguez (F60), do Burgas Ourense, que tomará parte nos 400 e 800 metros.

A relación de participantes destacados complétase con Damián Araújo (M35), do Marineda At., inscrito nos 5.000 metros, e María de los Ángeles Rodríguez, do Club A Silva, entre outras figuras que contribuirán a elevar o nivel competitivo dun campionato que reunirá en Balaídos á bboa parte da elite do atletismo máster galego.

O campionato será en xornada dobre de domingo dando comezo as 10:00 horas e rematando ás 21:00 h.

Normas do campionato

Compartir