Calidade e cantidade nos Campionatos Xunta de Galicia Sub18 e Sub14
Intensa actividade a vivida a pasada fin de semana durante a disputa do Campionato Xunta de Galicia Sub18 e Campionato Xunta de Galicia Sub14 que tiveron en Lugo e O Barco os seus puntos de celebración.
Durante os mesmos puidéronse presenciar, a nivel xeral, uns moi bos resultados que deixaban un montón de mellores marcas persoais e marcas mínimas para os Campionatos de España.
Campionato Xunta de Galicia Sub18 individual e de combinadas. Lugo, 6 e 7 de xuño
Arrincaba a fin de semana nas pistas do Gregorio Pérez na que un importante número de atletas participantes dabanse cita para tomar parte no galego Sub18 individual e de combinadas.
No tocante a rexistros salientables, cómpre citar a actuación de Irma Veiguela do Sanysec-Ourense quen, sobre a proba dos 800, e grazas aos seus 2:11.92, pasaba a ocupar os primeiros postos do ranking de España.
Na marcha, Mateo Valcárcel do ADAS CUPA lograba unha MMP nos 5.000 marcha de 22:34.36.
Aitana Capeáns do Sanysec-Ourense foi unha das protagonistas deste campionato. A campioa de España realizaba a súa MMP no concurso de peso con 15.42 m., que a sitúan como líder estatal, logrando ademais o título galego no concurso de disco con 39.91. No mesmo concurso, o tamén ourensán Mario Novoa lograba a súa MMP con 47.41 m. Pola súa banda, Lidya Valdés do At. Sada, no seu primeiro intento, lanzaba o martelo ata os 54.69 m., tendo que agardar o líder do ranking RFEA, Javier Cid do Sanysec-Ourense, ata o quinto para rexistrar 62.66 m.
Mauro Seguin do Marineda At., pola súa banda, continúa a súa importante progresión. Nunha carreira cómoda, impúxose nos 400 m. valos con 53.79, logrando ademais o título sobre os 200 m. cunha MMP de 21.91.
Nos fosos de area, o campión de España e unha das importantes promesas do sector, Bruno Castro do Coruña Comarca, dominaba facilmente tanto o triplo con 14.36 como a lonxitude con 6.12 m.
Nos valos, 14.02 para o plusmarquista galego indoor Guillermo Piñeiro da Gimnástica de Pontevedra sobre os 110 v.
No Campionato Galego de Combinadas os títulos foron na categoría feminina para Sara Faraldo do At. Sada con 4.100 puntos en heptatlón e nos homes para Joel Santana do Celta Atletismo, que quedaba ás portas da barreira dos 6.000 con 5.994 en decatlón.
Campionato Xunta de Galicia Sub14. O Barco de Valdeorras, 7 de xuño
Ás 10.15 horas do domingo daban comezo nas pistas de atletismo Luis Nogueira do Barco as probas correspondentes ao Campionato Xunta de Galicia Sub14, no que tamén se puido desfrutar dun gran campionato.
Nas probas de velocidade o máis salientable foron as actuacións de Matilda Barata da SD Compostela, quen dominou os 80 m. con 10.42. Nos homes, Xoel Parada do Rías Baixas, realizaba un excelente crono nos 150 m. con 18.83 que o sitúan de segundo no ranking de España. De igual modo tamén se impuxo nos 80 m. cun rexistro de 10.17.
Nos valos, Jesús González do Maderas Barcia Lourenzá dominaba a modalidade logrando excelentes resultados tanto nos 80 valos con 12.89 como nos 220 v. con 31.75. Pola súa banda, Sara Zuluaga do At. Sada nos valos curtos conseguía o campionato con 13.03 polos 33.09 de Celia Ortigueira do Equilibrio Ferrol nos longos.
Moi interesante resultou a final dos 500 m. na que Juan Samuel Nodar do Illa de Tambo lograba impoñerse con 1:18.24 a Xoel Pérez do Trega, que remataba en 1:18.48.
Nos 3.000 m. deixaban a gran actuación de Thiago Ceide da At. Lucense, que lograba o título con 6:29.10. Pola súa banda, na categoría feminina, bo nivel na proba dos 2.000 m., na que o triunfo correspondeu á tamén lucense María Fernández con 7:07.24.
Nos saltos, Eiden Ferrer do ADAS CUPA chegaba ata uns importantes 2.60 m. en pértega polos 1.52 m. de Joel Núñez do Rías Baixas en altura e os 5.24 m. de David García do ADAS CUPA no foso de lonxitude.
Na categoría feminina de altura, resultou moi emocionante o campionato mantido entre Antía Castro do At. Ordes e Xoana Beis do At. Sada, saltando ambas en 1.46 m. pero con triunfo final para a ordense.
Bo nivel na pértega, na que a medalla de ouro foi para Adriana Vázquez do Equilibrio Ferrol con 2.20 m. e a prata para Icía Penas do At. Deza con 2.10.
Na lonxitude ata os 4.96 m. marchaba Valeria Mera do Equilibrio Ferrol e os 9.91 m. de Sofía Capelo do Vila de Cangas en triplo para impoñerse nas súas respectivas modalidades.
Gran exhibición no círculo de peso con 13.55 m. para Ernesto Pedroso da At. Barbanza, que sitúase líder no ranking RFEA e que, a maiores, tamén gañaba a xavelina con 35.98 m. No mesmo concurso de peso, foron tamén importantes os 12.07 m. de Iván Romero do At. Narón e os 11.21 de Daniel Seijas do C.D. San Ciprián.
Por último, no sector de marcha, o líder do ranking, Diego Fernández da At. Lucense, dominaba claramente os 2.000 marcha masculinos con 9:28.29 e na categoría feminina era Marta Bargueiras da At. Lucense quen facía o propio con 9:49.68 polos 10:05.94 da segunda clasificada, Deva Pallas do Vila de Vigo.