Saltar ao contido
Campionato Internacional

O atletismo galego amplía fronteiras nos Campionatos de Europa Off-Road de Eslovenia

O atletismo galego volveu deixar a súa pegada no panorama internacional durante os Campionatos de Europa Off-Road, celebrados esta fin de semana nas localidades eslovenas de Ljubljana e Kamnik. As dúas representantes galegas convocadas coa selección española tiveron unha destacada participación, contribuíndo de maneira decisiva á consecución de dúas medallas por equipos nas modalidades de Trail Race e Up & Down, nunha mostra máis da notable progresión que está a experimentar o atletismo galego nestas especialidades.

A primeira das competicións disputouse o sábado coa Trail Running Race, unha esixente proba de 52 quilómetros e 2.450 metros de desnivel positivo na que tomou parte a actual campioa de España de trail maratón, María Martínez.

Nun percorrido especialmente duro e selectivo, a selección española logrou unha brillante medalla de bronce por equipos grazas ás actuacións de María La Chica, proclamada subcampioa de Europa cun rexistro de 4:40.24, xunto ás achegas de María Martínez (5:32.28), Ikram Rharsalla e Inés Astrain. O combinado español só se viu superado polas potentes seleccións de Suíza e Francia.

Este resultado permite ao equipo feminino español prolongar a súa extraordinaria traxectoria continental nesta disciplina, sumando un novo metal tras as medallas de prata acadadas en El Paso 2022 e Annecy 2024. Entre ese éxito colectivo tamén destaca a importante contribución de María Martínez, que continúa consolidándose entre as referentes nacionais do trail running.

Non menos destacada foi a actuación da campioa de España de campo a través, Sandra González, na modalidade Up & Down, disputada sobre un percorrido de 6 quilómetros e 325 metros de desnivel.

A atleta galega realizou unha carreira moi valente desde os primeiros compases, mantendo o contacto co grupo de cabeza durante boa parte do percorrido e coroando os tramos intermedios nas primeiras posicións. Finalmente, tras un intenso esforzo, cruzaba a meta na 17ª posición cun tempo de 31:45.

A medalla de bronce individual de Sofía Rubio, unida ás actuacións de Irene Andújar (14ª), Sandra González (17ª) e Laia Alonso (22ª), permitiu á selección española proclamarse subcampioa de Europa por equipos, só por detrás de Francia.

Os resultados acadados en Eslovenia confirman o excelente estado de saúde do atletismo galego nas disciplinas de montaña e trail, cunha presenza cada vez máis relevante nas grandes competicións internacionais e cunha nova xeración de atletas capaz de competir ao máis alto nivel europeo.

Resultados

Compartir