Saltar ao contido
Campionato de España

Galicia suma nove medallas e 29 postos de finalista no Campionato de España Sub16

Un total de 642 atletas procedentes de todos os puntos do Estado déronse cita esta fin de semana na localidade alacantina da Nucía para disputar o Campionato de España Sub16. Entre eles estiveron presentes 99 representantes galegos e galegas, que completaron unha actuación sobresaliente ao regresar cun balance de nove medallas e 29 postos de finalista.

Dous títulos nacionais para Bouzada e Moirón

Os grandes protagonistas da expedición galega foron Gabriela Bouzada, en lanzamento de xavelina, e Pedro Moirón, nos 1.500 metros obstáculos, quen confirmaron o seu papel de favoritos proclamándose campións de España nas súas respectivas disciplinas.

A atleta do Celta Atletismo asinou unha competición de enorme nivel, con tres lanzamentos por riba dos 44 metros, alcanzando finalmente os 45,95 metros, rexistro que lle permitiu superar en case dous metros á segunda clasificada.

Pola súa banda, Pedro Moirón, do Lourenzá, tivo que empregar todos os seus recursos para impoñerse ao seu principal rival e segundo clasificado do ranking estatal. Nunha carreira moi intelixente e perfectamente xestionada, cruzou a meta en 4:25.75, marca persoal (MMP) que lle valeu a medalla de ouro.

Tres medallas de prata

As medallas de prata chegaron da man de Claudia Fraga, do Riazor Coruña, quen realizou un magnífico concurso de lonxitude. A coruñesa voou ata os 5,72 metros no seu cuarto intento, establecendo unha nova mellor marca persoal.

Tamén subiu ao segundo chanzo do podio Ángela Lendoiro, do Atletismo Narón, na proba de lanzamento de disco. Cun mellor intento de 43,93 metros, igualmente marca persoal, só se viu superada pola vencedora da competición, que ademais estableceu un novo récord de España.

A terceira prata para Galicia chegou nos 1.500 metros obstáculos femininos grazas a Lía Núñez, da Atlética Lucense. A lucense completou unha excelente carreira na que conseguiu baixar por primeira vez da barreira dos cinco minutos, rematando cun rexistro de 4:59.28, nova marca persoal.

Catro bronces para completar o gran balance galego

O sector da velocidade tamén deixou grandes alegrías para o atletismo galego. Sofía Paz, do Atletismo Barbanza, protagonizou un extraordinario campionato nos 100 metros lisos, mellorando a súa marca persoal tanto nas semifinais (12.21) como na final, onde conseguiu a medalla de bronce cun magnífico tempo de 12.15.

Idéntica progresión experimentou Martín Saavedra, do Atletismo Sada, nos 300 metros lisos. O atleta chegaba á competición cun rexistro de 36.65 e regresou da Nucía cunha nova marca persoal de 35.14, tras correr en 35.29 nas semifinais e completar unha gran final que lle outorgou o terceiro posto.

Na marcha, Antón Díaz, do Atletismo Narón, volveu demostrar o seu enorme potencial ao conquistar a medalla de bronce cun tempo de 13:14.23, nova mellor marca persoal. O atleta mantívose na loita pola prata ata os últimos metros dunha proba de altísimo nivel, na que o vencedor estableceu un novo récord de España con 12:09.89.

Por último, a remuda masculina dos 4×100 da Gimnástica, formado por Nicolás Piñeiro, Diego Acuña, Iago Gómez e Luis Durán, puxo o broche de ouro á actuación galega ao conseguir a cuarta medalla de bronce do campionato. O cuarteto completou unha gran carreira e cruzou a meta cun rexistro de 45.09.

Con estes resultados, a representación galega pecha a súa participación no Campionato de España Sub16 cun destacado balance de nove medallas —dúas de ouro, tres de prata e catro de bronce— e un total de 29 postos de finalista, confirmando o excelente momento de saúde do atletismo base galego.

Importates postos de finalistas

A maiores tamén foron destacados os postos de finalistas logrados por:

  • 4ª Inés Muradás (Celta At.) en pértega con 3.16 (MMP)
  • 4ª Celia Couto (Rías Baixas) en combinadas con 3680 (MMP)
  • 4ª Eva Veiga (Lucus CRG) nos 3.000 marcha con 14:06.57 (MMP)
  • 4º Mario Casal (Sanysec-Ourense) en peso con 13.93 m.
  • 5º Martín Otero (Pinarium) 600 m. con 1:25.29
  • 5º Diego Acuña (S.Gimnástica)en lonxitude con 6.41 (MMP)
  • 5º Alán Cadavid (Ames At. Savante) en martelo con 55.14 m.
  • 5º Antón Díaz (At. Narón) en xavelina con 48.57 (MMP)
  • 5º Pablo Pérez (At.Sada) 3.000 marcha con 13:22.82 (MMP)
  • 6ª Mencía Álvarez (A Gándara) nos 1.000 m. con 3:00.67
  • 6ª Xoana Rodil (SD Compostela) nos 3.000 m. con 10:18.94
  • 6ª Uxía González (La Purísima) nos 300 valos con 46.25
  • 6ª Naiara López (Comesaña S.C.) en altura con 1.60 m.
  • 6ª Emma Otero (Coruña Com.) nos 300 m. con 4.73
  • 6ª Martina Guzmán (At. Sada) en disco con 37.41 (MMP)
  • 6ª Lena Curras (S.Gimnástica) en combinadas con 3525 (MMP)
  • 6º Eloy Fernández (At. Piringalla) en Combinadas con 4443 (MMP)
  • 6º Martín Saavedra (At. Sada) 100 m. con 11.62
  • 6º Martín Fernández (At. Lucense) nos 300 valos con 40.53 (MMP)
  • 6º Mateo Seijo (Celta At.) en peso con 13.62 (MMP)
  • 7ª Antía Suárez (At. Narón) en disco con 37.24 m.
  • 7º Sergio Silva (S.A.Trega) 3000 m. con 9:05.21
  • 7º Enrique García (At. Narón) 1500 obstáculos con 4:29.88
  • 7º Adrián Vila (Celta At.) en altura con 1.69 m.
  • 7º Mateo Miñán (S. Gimnástica) 3.000 marcha con 13:26.34 (MMP)
  • 8ª Irene Méndez (Celta At.) en altura con 1.57 m.
  • 8ª Isabel Gonçalvez (ADAS CUPA) en disco con 36.89 (MMP)

Foto portada: RFEA-Sportmedia

Resultados

Galería Imaxes (RFEA-Sportmedia)

Compartir