Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Os títulos galegos Sub16 de aire libre decídense en Lugo

Lugo converterase esta fin de semana no epicentro do atletismo galego Sub16 coa celebración do Campionato Galego Xunta de Galicia individual e de probas combinadas, unha das grandes citas autonómicas da categoría. A competición desenvolverase desde as 16:30 horas do sábado ata as 20:30 horas do domingo.

Entre a ampla relación de participantes destaca a presenza da atleta máis rápida da categoría segundo o ranking galego, Sofía Paz, do At. Barbanza, quen chega avalada polo recente podio acadado no Campionato de España de inverno.

Nos 300 metros lisos competirán o sadense Martín Saavedra e o naronés Martín Barredo, ambos con marcas esta tempada por baixo dos 37 segundos. Na categoría feminina, Emma Otero, do Coruña Comarca, buscará mellorar os 41.54 acadados no presente curso. Martín Otero, do Pinarium, parte como claro favorito nos 600 m. grazas aos 1:24.47 logrados o pasado mes de marzo en Salamanca. Na proba feminina destaca tamén Sara Pérez, da Gándara, cun rexistro de 1:37.29.

Nas probas de medio fondo e fondo, tanto Lía Núñez, do Atletismo Lucense, como Pedro Moirón, do Maderas Barcia Lourenzá-Cervo, figuran inscritos nos 1.500 obstáculos e nos 1.000 metros, disciplinas nas que ambos destacan a nivel estatal polos seus rexistros.

Especial atención para Samuel Tallón, do Ferrol Atletismo, acreditado con 9:11.80, e para Xoana Rodil, da SD Compostela, quen este ano marcou 10:14.75 nos 3.000 m.

Nos valos longos, agárdase unha proba moi disputada, aínda que Matilda Veiga, do Pinarium, parte como favorita grazas aos seus 45.08, marca que a sitúa terceira no ranking estatal da RFEA.

Nos lanzamentos sobresae a participación de Mario Casal, do Sanysec-Ourense, favorito tanto en disco como en peso. Precisamente nesta última disciplina proclamouse subcampión de España indoor o pasado 7 de marzo en Salamanca. Na categoría feminina de peso, Antía Suárez, do Atletismo Narón, lidera o concurso con 11.53 metros, seguida de Isabel Gonçalves, do ADAS CUPA, con 11.37.

No disco feminino, Ángela Lendoiro, do Atletismo Narón, chega coa mellor marca grazas aos seus 42.51 metros, mentres que en xavelina Gabriela Bouzada, do Celta Atletismo, líder estatal da tempada, intentará consolidar a súa primeira posición cun rexistro de 48.53 metros. Pola súa banda, Alan Cadavid, do Ames Atletismo Savante, lidera a proba de martelo con 55.67 metros.

No sector de saltos, agárdase un atractivo duelo en altura entre Naia López, do Comesaña, con 1.63 metros, e Irene Méndez, do Celta Atletismo, cun centímetro menos. Na categoría masculina, Ángel Araujo, do Sanysec-Ourense, competirá por superar os seus 1.78 metros.

Na lonxitude masculina, Martín Saavedra, do Atletismo Sada, parte como favorito, mentres que Asier Otero, do Lucus Caixa Rural Galega, aspira ao título en triplo salto. Na pértega feminina lidera Inés Muradas, do Celta Atletismo, con 3.12 metros, e na lonxitude Claudia Fraga, do Riazor Coruña, cun mellor rexistro de 5.65 metros.

Na marcha atlética haberá que seguir de preto as actuacións de Pablo Pérez, do Atletismo Sada; Mateo Miñán, da Gimnástica; e Antón Díaz, do Atletismo Narón, todos eles con marcas inferiores aos 13:51. Na categoría feminina, Daniela Mourín, do Atletismo Lucense, lidera a clasificación con 14:14.14.

Finalmente, nas probas combinadas parten como favoritos a medallista no Campionato de España indoor Celia Couto, do Rías Baixas, con 3.442 puntos, e Eloy Fernández, do Atletismo Piringalla, con 4.373 puntos. Nesta competición tamén participará Iago Gómez, da Gimnástica, medallista nos valos no pasado Campionato de España indoor.

Máis info campionato individual

Máis info campinato combinadas

Compartir