Saltar ao contido
Campionato Internacional

Participa nunha xornada masterclass con María Pérez

O vindeiro venres 22 de maio, a cidade da A Coruña acollerá unha destacada actividade de promoción deportiva coa celebración dunha másterclass de marcha atlética impartida pola María Pérez, campioa olímpica e campioa mundial da especialidade. A atleta granadina estará acompañada polo seu adestrador, Jacinto Garzón, nun encontro aberto ao público que dará comezo ás 16:50 horas nos Xardíns de Méndez Núñez, á altura da estatua de Curros Enríquez.

A actividade está dirixida a atletas de todas as idades e niveis, así como a afeccionados, persoas curiosas e público en xeral que desexen coñecer de preto e practicar unha disciplina tan singular como a marcha atlética. Será unha oportunidade excepcional para aprender da man dunha das grandes referencias internacionais desta modalidade, considerada xa unha das atletas máis relevantes da historia do atletismo español e mundial.

Durante a sesión, as persoas asistentes poderán achegarse aos fundamentos técnicos da marcha atlética, descubrir aspectos básicos do adestramento específico desta disciplina e compartir unha experiencia directa cunha deportista de máximo nivel, nunha xornada pensada para fomentar a participación e a difusión do atletismo entre a cidadanía e na que para participar, tan só haberá que inscribirse de maneira previa na seguinte ligazón (+) ata o luns día 19

Esta iniciativa enmárcase dentro do programa de actividades de promoción que se desenvolven con motivo da celebración do Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez, unha cita histórica que este ano alcanza a súa trixésimo novena edición. O evento coruñés consolidouse como unha das probas de referencia da marcha atlética internacional e, segundo a World Athletics, está considerado como o encontro máis importante do mundo polo seu nivel organizativo e pola calidade participativa e de resultados dentro das competicións das súas características.

A presenza de María Pérez nesta actividade reforza o prestixio dunha competición que, ano tras ano, converte as rúas da Coruña no epicentro mundial da marcha atlética e nun escaparate privilexiado para achegar este deporte á sociedade.

Inscricións

Compartir