Novas distancias e novo circuíto para un renovado G.P. Cantones de marcha
A cidade da Coruña volverá situarse no epicentro mundial da marcha atlética coa celebración o vindeiro 23 de maio da 39ª edición do Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña – Gran Premio Sergio Vázquez, unha cita histórica que se consolida, ano tras ano, como a proba de marcha en ruta máis importante do mundo e unha referencia absoluta dentro do calendario internacional desta especialidade.
Os mellores marchadores e marchadoras do panorama mundial volverán reunirse na cidade herculina para competir nun evento que congregará a campións olímpicos, medallistas mundiais e ás grandes figuras actuais da disciplina, reafirmando o prestixio dunha proba que converte A Coruña no principal escaparate internacional da marcha.
Nesta edición, o Gran Premio presenta unha importante novidade histórica: por primeira vez, o emblemático circuíto dos Cantóns deixará de ser o escenario da competición, trasladándose a proba ao circuíto da Mariña, un enclave singular situado nunha das zonas máis recoñecidas e fermosas da cidade. Este novo percorrido ofrecerá unha imaxe renovada da competición, mantendo a espectacularidade e a proximidade co público que sempre caracterizaron ao evento.
A programación oficial adaptarase ademais ás novas distancias establecidas internacionalmente pola World Athletics, polo que as probas principais desta edición disputaranse sobre a distancia de media maratón, tanto en categoría masculina como feminina. Xunto a estas carreiras de máximo nivel, o programa manterá tamén a tradicional proba internacional de 10K, así como o xa consolidado Trofeo Josefina Romero, destinado ás categorías base, que continuará promovendo a participación e o desenvolvemento da canteira nesta disciplina.
Ao longo da súa traxectoria, o Gran Premio Internacional Cantones acumulou múltiples premios e recoñecementos que avalan o seu prestixio organizativo e deportivo a nivel global. Entre todos eles destaca especialmente a distinción concedida por World Athletics, que no ano 2019 outorgou á proba a Placa de Patrimonio Mundial do Atletismo, un recoñecemento reservado a eventos e escenarios que forman parte da historia universal deste deporte.
Con case catro décadas de historia, o Gran Premio Internacional de Marcha Cantones – Gran Premio Sergio Vázquez afronta esta 39ª edición renovándose sen perder a súa esencia, combinando tradición, excelencia deportiva e proxección internacional para seguir facendo da Coruña a gran capital mundial da marcha atlética
Xornada de “portas abertas”
Avanzando no que se será a programación de actividades paralelas a este Gran Premio, o venres previo a competición, organizarase unha xornada de “portas abertas” na que as máximas figuras da marcha mundial estarán compartindo unha xornada técnica e de achegamento con aqueles afeccioados, atletas e curiosos que desexen profundizar e coñocer máis a fondo esta modalidade e da que iremos dando máis información nas próximas datas.