Saltar ao contido
Campionato Internacional

María Martínez fai historia e convértese na primeira galega en debutar ca absoluta de TR

Dúas atletas galegas formarán parte da Selección Española no vindeiro Campionato de Europa de Trail e Mountain Running, que se celebrará en Liubliana (Eslovenia), nunha cita histórica para o deporte galego.

A gran novidade chega da man de María Martínez, quen debutará coa selección absoluta española e converterase na primeira atleta galega da historia en ser convocada coa Selección Española na categoría absoluta para un Campionato de Europa de Trail Running. A súa participación será na esixente proba de trail, cun percorrido de 52 quilómetros e 2.450 metros de desnivel positivo, nun dos escenarios máis prestixiosos do calendario continental.

Xunto a ela estará tamén Sandra González, que continúa consolidándose entre as grandes promesas do trail e das carreiras de montaña estatais. A atleta galega regresa á selección nacional tras unha tempada brillante, marcada pola súa proclamación como campioa da Copa do Mundo de Mountain Running en 2024. Nesta ocasión competirá na modalidade de Carreiras de Montaña Up & Down sub20, afrontando un trazado de 6 quilómetros e 425 metros de desnivel positivo.

O atletismo galego segue así deixando pegada no panorama internacional. Galicia xa sabe o que é subir ao podio en grandes campionatos, como o demostra o bronce por equipos acadado no Europeo sub20 de 2024, no que participou Asheber Díaz, así como o histórico título mundial conseguido pola propia Sandra González nesa mesma tempada.

A expedición española, convocada pola Real Federación Española de Atletismo, presenta un equipo de máximo nivel para esta competición, desprazando a boa parte dos medallistas do pasado Mundial de Canfranc. Entre os nomes máis destacados figuran Sara Alonso, Manuel Merillas, Alain Santamaría, Ikram Rharsalla, Jan Torrella, Andreu Blanes e Nuria Gil, entre outros, nun combinado nacional que aspira a loitar polas medallas en todas as categorías.

Unha convocatoria que supón un novo fito para o deporte galego e que confirma o excelente momento que vive o trail running en Galicia, cada vez con maior presenza e protagonismo nos grandes eventos internacionais.

Foto RFEA

 

Compartir