Saltar ao contido
Campionato de España

A canteira do fondo galego impresiona en Mahón

A expedición galega regresou do Campionato de España de 5.000 e 10.000 m. celebrado esta pasada fin de semana en Mahón,  cun balance extraordinario ao sumar un total de cinco medallas —un ouro, dúas pratas e dous bronces— ademais dun posto de finalista. Uns resultados que, a nivel estatístico, situaron a Galicia á cabeza do medalleiro xeral da competición, confirmando o excelente momento que atravesa o atletismo de fondo da nosa comunidade.

Ata a localidade balear desprazáronse 15 atletas galegos e galegas, que protagonizaron unha destacada actuación colectiva nun campionato no que brillaron especialmente as categorías femininas de base. As prestacións máis sobranceiras chegaron nas probas de 5.000 metros Sub20 e Sub18 femininas, onde as representantes galegas lograron catro das seis medallas en xogo.

Na categoría Sub18, a gran protagonista foi Sabela Castelo do Sanysec-Ourense, quen volveu deixar patente o seu enorme talento cunha actuación impecable. A atleta proclamouse campioa de España dos 5.000 metros tras dominar con autoridade a carreira e cruzar a meta cun tempo de 17:09.37, marca que ademais supón un novo récord do campionato. O éxito galego nesta proba completouse co brillante segundo posto de Paula Fernández, que asinou unha notable marca persoal de 17:37.98, acadando así a medalla de prata e confirmando o dominio galego na categoría ao ocupar as dúas primeiras posicións do podio.

Tamén nos 5.000 metros, pero xa na categoría Sub20, as irmás internacionais do Atletismo Pino,  Debritu Paniagua e Demeku Paniagua volveron ofrecer unha actuación memorable. Ambas subiron ao podio tras rematar na segunda e terceira posición, respectivamente, con rexistros de 16:30.69 e 16:40.47, sumando así dúas novas medallas para a delegación galega.

Co impulso destas catro preseas femininas, chegou tamén o quinto metal da xornada grazas a outro dos nomes destacados do atletismo galego actual, Xoel Frenco. O corredor do Celta Atletismo acadou a medalla de prata nos 5.000 metros Sub18 masculinos tras completar unha gran carreira, na que parou o cronómetro en 14:51.12.

Ademais das medallas, tamén cómpre salientar a presenza entre os finalistas de Antía Castro, representante do Vicky Foods Athletics, que logrou un meritorio posto de finalista nos 10.000 metros absolutos, así como de Pablo Vázquez, do Atletismo Narón, quen tamén entrou entre os mellores na proba dos 5.000 metros Sub18.

En conxunto, o campionato deixou unha sobresaliente actuación do atletismo galego, que volveu demostrar o seu enorme potencial nas probas de fondo e medio fondo, especialmente nas categorías de formación, nas que Galicia continúa a consolidarse como unha das principais canteiras do panorama estatal.

Resultados da actuación galega:

5.000 Sub18 (feminino)

  • 1ª Sabela Castelo (Sanysec-Ourense) 17:09.37
  • 2ª Paula Fernández (S.Gimnástica) 17:37.98

5.000 Sub18 (masculino)

  • 2º Xoel Franco (Celta At.)14:51.12
  • 7º Pablo Vázquez (At. Narón) 15:13.64 MMP
  • 12º Alejandro Santos (S.Gimnástica) 15:35.04
  • 18º Damian Costas (Celta At.) 16:10.34

5.000 Sub20 (feminino)

  • 2ª Debritu Paniagua (At. Pino) 16:30.69 MMP
  • 3ª Demeku Paniagua (At. Pino) 16:40.47
  • 9ª Sandra González (At. Lucense) 17:19.20

5.000 Sub20 (masculino)

  • 20º Teo de Frutos (Lucus Caixa Rural) 15:09.44
  • 24º Lucas Pena (S.Gimnastica) 16:07.11

10.000 Absoluto (feminino)

  • 8º Antía Castro (Vicky Foods) 34:45.61
  • Edymar Brea (Vicky F.) Descualificada

10.000 Absoluto (masculino)

  • 17º Mario Rodríguez (Celta At.) 32:40.07
  • 18º Nuno Moure (AD Fogar) 32:48.13

Resultados

Foto: RFEA

Compartir