Bo papel da selección sub16 en Pereiro de Aguiar
Boa actuación a protagonizada esta fin de semana pola Selección Galega Sub16 no Campionato de España de Seleccións Autonómicas celebrado nas pistas de Pereiro de Aguiar, nunha competición que reuniu a máis de 650 atletas pertencentes ás distintas comunidades e cidades autónomas do Estado.
A expedición galega deixou unha magnífica imaxe tanto no plano deportivo como humano, destacando polo excelente ambiente de equipo vivido durante toda a competición, así como polo compromiso, compañeirismo e actitude exemplar mostrada por todas e todos os integrantes da selección. O grupo galego volveu demostrar unha gran unión e capacidade competitiva, animándose mutuamente desde o inicio ata a última proba do campionato.
Nun campionato de enorme igualdade e gran nivel competitivo, os equipos galegos mantiveron opcións reais de podio practicamente ata as derradeiras probas. Especialmente destacada foi a actuación do combinado masculino, que finalizou a tan só catro puntos da terceira posición, ocupando finalmente unha meritoria cuarta praza nunha clasificación na que Andalucía, Cataluña e Comunidade Valenciana acadaron os postos de medalla.
Na categoría feminina, o triunfo correspondeu á selección catalana, seguida de valencianas e andaluzas, mentres que Galicia remataba nunha notable sexta posición, competindo sempre a un alto nivel e demostrando unha gran capacidade de loita en cada unha das disciplinas.
No apartado individual, compre salientar a magnífica actuación de Claudia Fraga, quen se proclamaba vencedora na proba de lonxitude tras un concurso moi disputado, logrando impoñerse cun mellor intento de 5.87 metros, marca persoal da tempada.
Tamén acadaron medalla de prata as lanzadoras Gabriela Bouzada, en xavelina con 40.06 metros, e Ángela Lendoiro, en disco con 41.80 metros, así como Sara Pérez nos 600 metros lisos cun rexistro de 1:36.67.
Os terceiros postos corresponderon a Antía Suárez nos 100 valos con 11.53 (MMP), Matilde Veiga nos 300 valos con 45.08 (MMP), Alain Cadavid en martelo con 55.67 (MMP), Anxo Iglesias en disco con 41.54 (MMP), Mario Casal en peso con 14.99 (MMP), Eloy FernándezE en triplo con 13.72, Enrique García nos 1500 obstáculos con 4:34.73 e Pedro Moirón nos 1000 metros con 2:38.48.
Máis aló dos resultados, desde a Federación Galega de Atletismo quérese destacar o extraordinario comportamento, entrega e espírito colectivo demostrado pola selección durante toda a fin de semana, ofrecendo unha magnífica representación do atletismo galego tanto dentro como fóra das pistas.