A Selección Galega de combinadas viaxa a Valencia
As pistas do Xardín do río Turia, en Valencia, acollerán esta fin de semana o Campionato de España por Seleccións Autonómicas de probas combinadas, unha cita na que participará a selección galega xunto a outros sete combinados: Comunitat Valenciana, Catalunya, Madrid, Canarias, Andalucía, Murcia e Balears.
Equipo de calidade
O atleta internacional hispano-venezolano e recente medallista de bronce no Campionato de España absoluto en pista cuberta, Gerson Vidal Izaguirre, liderará o combinado galego. A súa presenza será clave nun equipo que contará coa baixa sensible por lesión de Adolfo Saínz-Maza.
Completan o equipo masculino Xoel Otero, quen este ano asinou a terceira mellor marca galega de todos os tempos en heptatlón (5201 puntos), e o plusmarquista galego sub18 da pasada tempada, Jesús Arias.
Na categoría feminina, defenderán os intereses galegos Lucía Sánchez del Valle, xa recuperada e en progresión cara ao seu mellor nivel; Martina Gutiérrez, campioa galega sub20 indoor en pentatlón este ano; e a lucense Andrea Reija, que recentemente estableceu o récord galego absoluto indoor con 3.877 puntos, ademais de realizar unha destacada actuación no Campionato de España individual.
Obxectivo: loitar polos postos de honra
O obxectivo da selección galega será situarse entre os primeiros postos nun campionato que tradicionalmente se lle dá ben. Galicia xa conseguiu a vitoria nas edicións de 2007 e 2008, e máis recentemente logrou subir ao podio no campionato disputado en Arganda del Rey en 2024.
Nos últimos anos, a competición estivo dominada pola Comunidade Valenciana, que volverá partir como unha das principais favoritas.