Saltar ao contido
Campionato Internacional Sen categoría

A marcha galega reafirma o seu liderado mundial cunha nova xeración de éxito

Que a marcha galega é un referente a nivel mundial non é ningunha novidade para os amantes do atletismo. Ao longo de máis de cen anos de historia, foron moitos e moitas as atletas desta especialidade que acadaron fitos destacados, consolidando unha tradición de excelencia que segue máis viva ca nunca.

Nesa liña de continuidade, nomes como Aldara Meilán, Hugo Casañas, Sabela Castelo, Sabela Martínez, Álex Sierpes, Xoel Franco, Debritu e Demeku Paniagua  —por citar só algúns exemplos— representan unha nova xeración de atletas talentosos que xa está a colleitar resultados de enorme relevancia e que permite mirar ao futuro con ilusión e optimismo.

Entre eles destaca especialmente o caso de Aldara Meilán, aínda atleta Sub20, quen confirma que o futuro da marcha galega xa é presente. A súa progresión deu un paso decisivo esta pasada fin de semana en Basilea, no Campionato do Mundo por equipos de medioa maraton marcha, onde debutaba tras un brillante Campionato de España que xa anticipaba o seu gran estado de forma.

A atleta galega, con experiencia previa en competicións internacionais (fora campioa mundial por equipos Sub20), estreábase coa selección absoluta nun escenario de máxima esixencia, demostrando unha madurez e talento extraordinarios. O seu rendemento levouna a acadar unha destacada terceira posición individual, só por detrás da peruana Kimberly García e da mexicana Alejandra Ortega. Un resultado que supón toda unha declaración de intencións e que a sitúa como unha das grandes promesas con aspiracións a todo no panorama internacional.

Pola súa banda, Antía Chamosa, tamén representante galega, non tivo a súa mellor xornada, nin a nivel físico nin de sensacións, nunha proba especialmente dura e esixente. Porén, lonxe de abandonar cando as circunstancias eran adversas, amosou un enorme compromiso e espírito de equipo ao completar a proba, consciente da importancia de sumar puntos. Ese esforzo tivo a súa recompensa co subcampionato mundial por equipos, logo de  axudar á suma deses 28 puntos fináis, tan só superados polos 25 do equipo ucraíno.

Na categoría masculina, o galego Dani Chamosa formou parte do combinado español xunto a Manuel Bermúdez e José Pérez na proba de maratón marcha. Dende os primeiros compases, o xaponés Hayato Katsuki impuxo un ritmo elevado, mentres o equipo español optaba por unha estratexia máis conservadora, mantendo posicións máis retrasadas e apostando pola regularidade.

Este plantexamento deu os seus froitos co paso dos quilómetros, permitindo ao equipo hispano facerse coa medalla de bronce por equipos, cun total de 41 puntos, só por detrás de Xapón (13) e Italia (20). A nivel individual, Dani Chamosa asinou unha notable actuación, rematando na 13ª posición cun tempo de 3:13:10, mentres que Manuel Bermúdez e José Pérez cruzaban a meta nas posicións posteriores.

Unha vez máis, a marcha galega demostra que o seu legado segue medrando grazas a unha nova xeración que combina talento, esforzo e ambición, consolidando a Galicia como unha potencia indiscutible neste deporte.

Compartir