Saltar ao contido
Competición

O I Trofeo Germán González homenaxeará o traballo de toda unha vida

As pistas de atletismo Josefina Salgado de Pereiro de Aguiar acollerán o vindeiro 18 de abril, en xornada de tarde, o I Trofeo Germán González de Atletismo, unha cita deportiva que nace coa vontade de ampliar a oferta atlética e, ao mesmo tempo, render unha merecida homenaxe a unha das figuras máis destacadas e carismáticas do atletismo ourensán.

O acto de presentación tivo lugar no día de onte, no mesmo escenario no que se desenvolverá este trofeo, contando coa presenza de destacadas autoridades e representantes do ámbito deportivo, entre eles Manuel Pérez, Xefe do Servizo de Deportes da Xunta de Galicia; Germán González, técnico da Escola Atlética Ben Cho Shey; Luis Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar e presidente da Deputación de Ourense; Eladio Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo; Maxi Fernández, presidente da Escola Atlética Ben Cho Shey así como Sergio López, técnico do club e  atletas do propio club.

Este primeiro trofeo nace cun dobre obxectivo: por unha banda, honrar a traxectoria de Germán González como adestrador e impulsor do atletismo en Ourense; e por outra, conmemorar o 35 aniversario da Escola Atlética do Pereiro de Aguiar, entidade da que foi fundador e motor principal.

Durante o acto púxose en valor a extraordinaria labor desenvolvida por Germán González ao longo de décadas, destacando o seu papel fundamental na formación de múltiples xeracións de deportistas. A súa dedicación non só contribuíu ao desenvolvemento deportivo de numerosos atletas, senón tamén á súa formación persoal, facendo fincapé nos valores educativos e humanos que transmite o deporte.

O I Trofeo Germán González preséntase así como unha celebración do atletismo de base, do esforzo e do compromiso, e como un recoñecemento áquelas persoas que, como Germán, deixan no seu día a día, unha fonda pegada no deporte e na sociedade.

Normativa técnica da proba

Compartir