A Gala do Atletismo Galego 2025 reúne en Santiago ao máis destacado do ano deportivo
A Gala Anual do Atletismo Galego celebrouse este venres 27 de marzo en Santiago de Compostela, nun acto que reuniu a deportistas, adestradores, clubs, xuíces e representantes institucionais para recoñecer os éxitos acadados ao longo do ano 2025.
O presidente da FGA Iván Sanmartín, foi o primeiro en intervir, dando a benvida ás persoas asistentes e poñendo en valor o esforzo e compromiso de todo o colectivo atlético galego duranteo 2025.
O evento tivo como principal obxectivo homenaxear a todos aqueles e aquelas que, durante o ano 2025, acadaron logros salientables no ámbito do atletismo. Ao longo da velada foron recoñecidos os éxitos das seleccións galegas nas súas distintas categorías, así como os medallistas nos diferentes Campionatos de España, os novos récords galegos absolutos e o labor dos mellores clubs, adestradores e xuíces do ano.
Houbo tamén un momento especialmente emotivo dedicado a lembrar ás persoas do ámbito atlético que faleceron ao longo do pasado ano, nunha sentida homenaxe que puxo de manifesto a unión e os valores desta comunidade deportiva.
O punto culminante da gala foi a entrega dos premios aos mellores atletas galegos do ano, que recaeron en Ana Peleteiro e Adrián Ben, en recoñecemento ás súas destacadas traxectorias e resultados.
O acto foi clausurado pola intervención do secretario xeral para o Deporte, Roberto Fernández, quen destacou a importancia do deporte como motor de cohesión e exemplo de superación.
A gala desenvolveuse nun excelente ambiente de celebración e convivencia, rematando coa xa tradicional foto de familia que puxo o broche final a unha noite dedicada ao atletismo galego