O II Encontro Cantábrico xunta a Galicia e Asturias en Cervo
O Concello de Cervo será o escenario do II Encontro Cantábrico de Atletismo, que terá lugar o próximo 5 de abril, consolidándose como unha cita de referencia no calendario deportivo do norte peninsular.
Nesta edición, a competición contará ademais cun dous alicientes destacado, ao acoller os campionatos autonómicos de Galicia e Asturias nas probas de 10.000 e 5.000 metros ademáis de celebrarse o VI Memorial Alejandro Gómez.
Este evento supón un importante punto de encontro para o atletismo galego e asturiano, dúas comunidades que comparten unha longa tradición deportiva e múltiples vínculos históricos. A colaboración entre ambas federacións reflicte non só unha aposta polo desenvolvemento do atletismo, senón tamén pola unión de esforzos para fortalecer o nivel competitivo e organizativo das probas.
A celebración conxunta destes campionatos permite reunir a algúns dos mellores fondistas de ambas comunidades, favorecendo unha maior competitividade e elevando a calidade das carreiras. Ademais, ofrece aos atletas unha oportunidade única para medirse en condicións óptimas e nun contexto de alto nivel.
O II Encontro Cantábrico nace tamén coa vocación de medrar e integrar progresivamente a todas as comunidades do arco cantábrico. O seu obxectivo principal é fomentar a cooperación interterritorial e crear un marco común que permita mellorar a calidade das competicións, así como impulsar o atletismo de fondo na rexión.
Deste xeito, Cervo converterase durante esa xornada nun punto de referencia para o atletismo cantábrico, reunindo deporte, convivencia e espírito de colaboración nun evento que aspira a consolidarse como unha cita imprescindible nos vindeiros anos.