Saltar ao contido
Campionato de España

Sabadell pecha a tempada indoor con catro medallas para Galicia

Sabadell puxo practicamente o punto final esta fin de semana á tempada indoor coa celebración do Campionato de España Sub20, no que participaron un total de corenta atletas galegos e galegas.

Ao longo das dúas xornadas de competición, a representación galega acadou un balance moi destacado: catro medallas, tres récords galegos e trece postos de finalistas.

Celia Castro, campioa de España

A actuación máis salientable correu a cargo de Celia Castro Padín, quen se converteu na mellor galega do campionato. A atleta de Cambados, que chegaba nun excelente momento de forma, proclamouse campioa de España nos 800 metros cun tempo de 2:10.02, que ademais supón a súa mellor marca persoal (MMP). Este novo título confirma a súa gran progresión que fan dela un referente femenino do medio fondo galego de futuro.

Outro dos nomes propios foi o do velocista Lucas Vázquez. O atleta do Barbanza, que partía cunha das mellores marcas nos 400 m., logrou superarse en dúas ocasións, establecendo en ambas novos récords galegos: primeiro nas semifinais, con 48.15, e posteriormente na final, con 48.08. Este último rexistro, ademáis,  permitiulle facerse coa medalla de bronce.

Tamén subiu ao podio a campioa galega absoluta  Iria Slera, do Ourense Atletismo, quen continúa ampliando o seu palmarés desde as categorías base. Nesta ocasión, a atleta superou o listón en 1.67 metros, acadando unha extraordinaria  medalla de bronce compartida.

No sector de saltos chegou outra das alegrías da delegación galega. O pertiguista do Sanysec-Ourense, Miguel Carbajales, conseguiu superar os 4.68 metros, resultado que lle valeu para acceder ao terceiro caixón do podio nunha modalidade do atletismo galego masculino que comeza a sumar metais.

Continuando cas boas novas, outra das noticias destacadas foi o récord galego Sub20 conseguido no heptatlón por Martina Gutiérrez, do Celta Atletismo, quen sumou un total de 3.280 puntos, marca que lle permitiu ademais acadar un posto de finalista na competición.

Foron tamén salientables os cuartos postos colleitados por Lucas Vázquez do Barbanza nos 400 m.  Gonzalo Cuns do Córdoba At. en triplo así como  o de Gael Couñago do CAR Redondela en altura quen  empataba a centímetros (1.99 m.) co terceiro clasificado.

Remataban en postos de finalistas:

Paula Conde do Lucus Caixa Rural nos 60 m.;  Marta Caamaño (MMP) do Celta At.,  Leire Fonseca (MMP) do Vila de Cangas e Adrián Bernárdez do Celta At. nos 200 m.; María Estévez e Sabela Martínez da Gimnástica nos 1.500 m.; Iker Fernández do Lucus Caixa Rural e Alex Sierpes do Vicky Foods nos 3000 m.; Alexandra Lence (MMP) do Celta At. en pértega;   Eloy Acuña (MMP) da Gimnástica e Gema Dacosta da Gimnástica en peso e Jesús Arias do Xuncas Diversia en heptathlon.

Resultados

Foto RFEA

Compartir