Saltar ao contido
Campionato de España Trail Running

María Martínez, campioa de España de Trail Running

Fantástica edición deportiva e organizativa a vivida durante esta fin de semana en Caldas de Reis durante a disputa do Campionato de España de Trail Running.

A proba, que daba comezo ás 8:30 sobre un percorrido de 43,2 Km. e cun desnivel de 2350 m., arrincaba na Praza do Camiño Portugués de Caldas de Reis para articularse en tres grandes bloques moi distintos entre si. Primeiro, unha subida esixente cara ao Monte Xiabre, 642 metros, con paso polo Miradoiro de Xiabre, teito da xornada no quilómetro 8. Despois, un tramo máis rápido que conduciu cara á Fervenza de Segade e o descenso co espectacular cruzamento do río Follente. E por último, unha longa secuencia de tobogáns e terreo irregular no Monte de Santa María, moi castigador, nun trazado que obrigou a xestionar con intelixencia o esforzo, a técnica e as forzas durante moitas horas.

María Martínez, campioa de España

Sen lugar a dúbida a noticia do día tivo acento feminino. María Martínez, arroupada por competir en casa, foi a mellor española e levou o título absoluto cun tempo de 4h50:17. A atleta do At. Porriño cruzou a meta por detrás da italiana Anna Ongaro, que non contaba para o campionato, pero soubo xestionar a súa carreira para impoñerse ás favoritas. A murciana Beatriz Román foi prata con 4h52:54 e a vasca Ainara Urrutia colgouse o bronce con 4h55:55.

O triunfo de Martínez, aos seus 35 anos, ábrelle ademais a porta a unha posible primeira internacionalidade absoluta con España Atletismo, pendente da confirmación definitiva dos criterios federativos.

Nunha carreira de case cinco horas, dura e de desgaste continuo, a galega sacou partido ao coñecemento do terreo e respondeu mellor que ninguén nunha xornada que converteu a Caldas de Reis no epicentro do trail running estatal.

Ademáis desta histórico título, o campionato deixaba un gran balance para o atletismo galego que acadaba nada menos que dazaoito medallas entre as que destacan, ademáis,   subcampionato de España absoluto de Alexandre Otero do club Montaña Vértice na categoría masculina.

Por equipos compre salientar o terceiro posto do Running Sport Trail formado por Borja Ferro, Rubén Roca e Adolfo Garrido.

A maiores o resto de galegas e galegos lograban as seguintes medallas:

  • Absoluta. 1ª María Martínez (At. Porriño) 4h.50:17
  • Absoluto. 2ª Alexandre Otero (Montaña Vértice) 3h.37:53
  • Sub23. 1º Sergio Bouza (AC Castelos TR) 5h.15:20
  • F35. 1ª María Martínez (At. Porriño) 4h.50:17
  • F40. 2ª Mª Rosario Figueroa (CD Biosbardo) 5h.27:19
  • F40. 3ª Rosa María Araujo (Running Sport) 5h.36:23
  • F45.1ª Beatríz Barroso (At. Noia)5h.12:36
  • F55. 1ª Raquel Estévez (CD Pinarium) 6h.44:00
  • M35. 2º Diego Míguez (AD CAR) 4h.07:50
  • M35. 3º Fabián Amado (SD Compostela) 4h.14:26
  • M40. 2º Marcos Antonio Pascual (Castro Trail) 4h.28:26
  • M45. 1º Dario Arias (Fisioter.San Lázaro) 4h.26:27 /3
  • M45. 3º Victor Maneiro (Montaña Vértice) 4h.39:15
  • M50. 1º Federico Losada (Castro Trail) 4h.09:34
  • M55. 2º Emilio Montilla (CD Biosbardo)4h.52:09
  • M55. 3º Jose Manuel González (SD Barbantia) 5h.12:11
  • M60. 2º Juan Rivas (At. Cambados) 5h.40:24

Resultados

Galeria Fotos

Foto portada:  José Míguel Múñoz (RFEA)

Compartir