Saltar ao contido
Campionato de Galicia

As categorías base pechan a tempada indoor

A pista cuberta de Expourense será escenario este próximo sábado 14 de marzo da celebración do Campionato Xunta de Galicia Sub10 e Sub12, unha das citas máis destacadas do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo.

A competición destaca cada ano polo elevado número de equipos e atletas participantes, chegados de todos os recunchos de Galicia, converténdose nun punto de encontro fundamental para o atletismo de base galego.

Máis aló dos resultados ou das clasificacións finais, este campionato pretende ser sobre todo unha xornada na que se poñan en valor os principios máis importantes do deporte: a deportividade, a superación persoal, o esforzo, o compañeirismo, o respecto e o compromiso.

Durante a xornada do sábado disputaranse diferentes probas pertencentes ás disciplinas de velocidade, medio fondo, saltos e lanzamentos. En concreto, os atletas competirán nas carreiras de 50 e 60 metros lisos, así como nas distancias de 500 e 1000 metros. Ademais, o programa incluirá probas de saltos de lonxitude e altura, xunto co lanzamento de peso.

A actividade continuará na xornada do domingo coa celebración do Campionato Xunta de Galicia Sub14, que reunirá a máis de medio milleiro de atletas nunha competición que se desenvolverá en dobre sesión. As probas darán comezo ás 10:00 horas e prolongaranse ata as 20:00 horas, completando así unha intensa fin de semana dedicada ao atletismo base en Expourense.

Ca celebración destos dous eventos, péchanse os campionatos galegos de pista cuberta ata o vindeiro mes de novembro.

Información Sub10 e Sub12

Información Sub14

Compartir