Saltar ao contido
Campionato Internacional

Ourense acolle esta fin de semana o Campionato do Mundo de Atletismo Virtus 2026

Do 4 ao 9 de marzo de 2026, Ourense acollerá un dos eventos deportivos máis relevantes do calendario internacional centrado no atletismo para persoas con discapacidade intelectual: o Campionato do Mundo de Atletismo en Short Track Virtus 2026. Esta competición, organizada por Virtus, a Federación Internacional do Deporte para Persoas con Discapacidade Intelectual, xunto coa Federación Española de Deportes para Persoas con Discapacidade Intelectual (FEDDI), reunirá á elite mundial desta disciplina na pista cuberta de Expourense.

Unha competición de alto nivel internacional

O campionato, que se disputará oficialmente do 6 ao 8 de marzo, aínda que as actividades e actos previos comezarán o día 4 e prolongaranse ata o 9, reunirá a 113 atletas e 51 técnicos procedentes de 11 países. Participarán seleccións de España, Bulgaria, Francia, Italia, Polonia, Portugal, República Checa, Suecia, Turquía, Ucraína e un equipo neutral autorizado por Virtus  sendo o equipo máis numeroso o francés con vinte atletas seguido de español con dazaoito.

As probas celebraranse no recinto Feiral de Expourense onde os participantes non só medirán a súa destreza física, senón tamén os valores de superación e compañeirismo que caracterizan o movemento Virtus.

Apoio institucional e social

A cita conta cun sólido respaldo institucional e empresarial, que foi clave para facer posible a organización do evento. Entre os principais apoios figuran a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, o Concello de Ourense, así como a colaboración da Federación Galega de Atletismo e de diferentes entidades deportivas e patrocinadores.

Un impulso para o deporte inclusivo en España

A celebración deste campionato supón un paso adiante na promoción do deporte inclusivo e no recoñecemento do alto nivel competitivo dos atletas con discapacidade intelectual. A presenza da selección española “na casa” representa ademais un estímulo engadido para os deportistas, que buscarán acadar os mellores resultados ante a súa afección.

Segundo a organización, este mundial non só ten un valor deportivo, senón tamén un forte compoñente social e de sensibilización. O evento servirá para promover a inclusión, fomentar a práctica deportiva entre as persoas con discapacidade intelectual e reforzar o recoñecemento social destes deportistas de alto rendemento.

Impacto local e legado

Máis alá da competición, o Mundial Virtus aspira a deixar un legado duradeiro na cidade de Ourense e en toda Galicia. Espérase que a presenza de atletas internacionais, técnicos, familias, autoridades deportivas e afeccionados xere un impacto económico e social positivo, dinamizando sectores como o turismo, a hostalaría e os servizos locais.

Tamén se prevé unha ampla participación do voluntariado e a implicación de centros educativos e clubs deportivos da contorna, o que permitirá achegar á sociedade os valores do deporte como ferramenta de inclusión, igualdade e superación.

O campionato poderase seguir en directo a través das seguintes ligazóns:

Xornada de venres mañá

Xornada de venres tarde

Xornada de sábado mañá

Xornada de sábado tarde

Xornada de domingo mañá

Horario provisional VIRTUS

Compartir