Saltar ao contido
Carreiras Populares

A C-21 medra en calidade e cantidade

A Media Maratón Coruña21 2026 xa era histórica antes mesmo de darse a saída. Con máis de 4.500 persoas inscritas entre a proba absoluta e a 5K paralela, a cidade viviu unha das edicións máis multitudinarias da súa historia. Porén, o acontecido este domingo confirmou definitivamente que a cita organizada polo Concello da Coruña deu un salto cualitativo tanto no plano deportivo como no organizativo.

O dispositivo municipal volveu amosar a súa capacidade para coordinar un evento de primeiro nivel: planificación do tráfico, seguridade, atención sanitaria, coordinación do voluntariado e animación ao longo do percorrido, ademais dunha xestión fluída das saídas e da meta na contorna de María Pita. A implicación dos distintos servizos municipais permitiu que milleiros de atletas populares compartisen circuíto con figuras internacionais nun ambiente seguro e perfectamente estruturado, consolidando A Coruña como referente na organización de grandes eventos deportivos.

No plano competitivo, o espectáculo estivo á altura das expectativas. O keniano Meshack Kipkurgat pulverizou a mellor marca histórica da proba de 21 quilómetros ao cruzar a meta en 01:01:12, 28 segundos por baixo da anterior plusmarca. Tras el chegaron á praza de María Pita os españois Carlos Mayo (01:02:43) e Jesús Ramos (01:03:11), que partían como principais bazas da representación estatal e ofreceron un altísimo nivel.

Récord de España de Sandra González

Na categoría feminina tamén se cumpriron os prognósticos. Edymar Brea e Esther Navarrete protagonizaron un emocionante man a man pola vitoria, que finalmente foi para a venezolana cun tempo de 01:13:55, fronte aos 01:14:18 da atleta galega. Completou o podio Sandra González, do Escola Atlética Lucense, cun crono de 01:17:38 que lle valeu para bater o récord de España na categoría Sub 20 no seu debut nunha 21K.

A edición de 2026 marcou tamén un fito estratéxico coa incorporación oficial da proba ao calendario de World Athletics. Esta inclusión sitúa A Coruña na elite do atletismo internacional e permite que as marcas rexistradas sexan válidas para o ránking mundial, reforzando o prestixio da carreira e recoñecendo o traballo organizativo desenvolto desde o ámbito municipal.

Resultados

Compartir