Conta atrás para o II Meeting Internacional de Ourense
A cidade de Ourense volverá situarse no centro do atletismo internacional coa celebración do II Meeting Internacional de Ourense en Pista Curta, que terá lugar este sábado 21 de febreiro no recinto de Expourense.
Precisamente para presentar o evento, xuntábanse nun acto público as autoridades coorganizadoras da proba entre os que estaban Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; Rogelio Martínez, xerente de Expourense; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Aníbal Pereira, tenente alcalde e concelleiro de Deportes de Ourense; Enrique Álvarez, Asesor deportes da Deputación de Ourense, Eladio Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo e Mario González, director deportivo de Expourense.
A competición, incluída no calendario internacional, está organizada pola Federación Galega de Atletismo, en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e o Concello de Ourense, consolidando unha aposta conxunta polo deporte de alto nivel e a proxección de Galicia como sede de grandes eventos deportivos.
O meeting, que discorrerá o sábado desde as 17:30 h. ata as 20:30 h., contará coa participación de atletas de talla mundial entre os que destaca, por parte galega, a presenza dos olímpicos Adrián Ben e Belén Toimil, dous dos grandes referentes do atletismo español. A de Mugardos ademáis, tomará parte nun concurso de gran nivel xunto á portuguesa Eliana Bandeira, cunha marca persoal de 18,49 m., e a británica finalista europea e mundial Sophie McKinna, que acredita 18,86 m.
No apartado masculino, sobresaen os nomes do inglés Henry Tomas, que competirá nos 800 metros (1:44.10) xunto ao italiano campión de Europa Sub23 Simone Barontini (1:44.34), Elvin Josué Canales (1:44.10) ou o mesmo Adri Ben (1:46.42) nunha das probas máis agardadas da xornada xunto a dos 400 m. masculinos nas que figuran inscritos Oscar Husillos (44.73), João Coelho (44.79) ou o francés Younes Chattoui (45.38).
O espectáculo continuará ca presenza do cubano en lonxitude Jorge Hodelín (8.34 m.) ou a do olímpico Gersoan Balde (8,20 m.); a cubana Dacsy Adelina Brison en altura (1,89 m.); a medallista de bronce no campionato de España Naima Ait Alibou, en 1.500 m (4:09.07); a dobre subcampia sudamericana venezolana Andrea Purica nos 60 m. así como a presencia da española Eva Santidrián nos 400 metros ou a do subcampión do mundo universitario Angel Díaz nos 60 valos (7.72) .
Malia estar practicamente o cartel pechado, non se descarta a incorporación a última hora de máis atletas de ranking mundial que converterán a Ourense nun escaparate atlético de primeiro nivel.
Entrada gratuíta e aposta polo atletismo base
A entrada para o público será gratuíta ata completar aforo, facilitando que afeccionados e familias poidan gozar dunha xornada única de atletismo internacional. Ademais, como complemento á competición principal, a partir das 15:45 e ata ás 17:00 horas do sábado, celebraranse tamén un Metiño destinado ás categorías base, reforzando o compromiso do meeting co desenvolvemento e promoción do atletismo desde os seus cimentos.
Con esta segunda edición, o Meeting Internacional Ciudad de Ourense reafirma o seu crecemento e a súa ambición de converterse nunha cita imprescindible do calendario indoor europeo.