Saltar ao contido
Federación

Falece Emilio Navaza, referente e gran cronista do atletismo galego

O mundo do atletismo galego está hoxe de loito tras coñecerse o falecemento de Emilio Navaza (Pontevedra, 1948).

Escritor, xornalista deportivo en El Correo Gallego e Radio Obradoiro, e amante do atletismo, foi unha das figuras máis coñecedoras e divulgadoras da historia do noso deporte deixándonos innumerables artigos, conferencias, publicacións e varios libros.

A noticia causou unha profunda consternación entre atletas, clubs, afeccionados e institucións deportivas, que recoñecen en Navaza non só a un apaixonado do atletismo, senón tamén a un dos seus grandes divulgadores e cronistas.

A súa vida estivo sempre ligada ás pistas, ás competicións e á historia do noso deporte, ao que dedicou décadas de traballo e compromiso polo que a Federación Galega de Atletismo lle concedía a súa “insignia de ouro” máxima condecoración do atletismo galego no ano 2003. Ademáis  a Real Academia Olímpica Española, xunto coas tres universidades galegas, concedeulle a Medalla Pierre de Coubertin en 2013

Emilio Navaza converteuse nunha voz imprescindible para entender a evolución deste deporte en Galicia, deixando unha pegada imborrable coa súa maneira de narrar e preservar a memoria atlética.

Autor de varios libros sobre o atletismo galego, foi considerado un auténtico referente, contribuíndo como poucos a dar visibilidade e valor ao esforzo de xeracións de deportistas.

O atletismo galego gardará mañá durante a disputa do campionato galego absoluto de pista curta un minuto de silenzo  para despedir a unha figura fundamental, cuxa paixón e legado permanecerán para sempre na historia do deporte galego.

Traballo publicado

Gran documentalista é autor dos libros Galegos na gloria olímpica (1992) e Vontade de ferro. Os galegos do Barcelona 92, ano olímpico (1996) e Más allá de la meta. Historias atléticas de Galicia (Alvarellos Editora, 2022). Ademáis a súa web “Vida atlética de Galicia” é unha das fontes de obrigada visita para quenes desexen coñecer máis a fondo o noso deporte

Compartir