Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Presentouse o campionato Xunta de Galicia absoluto de pista curta

Expourense foi escenario hoxe da presentación oficial do Campionato Xunta de Galicia absoluto e de combinadas de pista curta, que se celebrará durante toda a fin de semana no recinto feiral ourensán, cun programa dividido en tres sesións.

No acto participaron Iván Sanmartín, presidente da Federación Galega de Atletismo; Rogelio Martínez, director-xerente de Expourense; Manuel Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Aníbal Pereira, tenente alcalde e concelleiro de Deportes de Ourense; Enrique Álvarez, Asesor Deportes da Deputación de Ourense e Eladio Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo.

Durante a presentación, destacouse o importante crecemento experimentado polo atletismo galego e local desde a inauguración da instalación atlética hai nove anos. Neste tempo, Expourense converteuse nun referente estatal e internacional, acollendo practicamente todos os campionatos galegos indoor, varios Campionatos de España e diversas competicións de rango internacional. Ademais, no recinto rexistráronse varios récords de España, máis dun cento de marcas galegas e mesmo un récord mundial, consolidando Ourense como cidade preferente para grandes eventos atléticos.

Preto de 400 atletas e probas moi abertas

Xa dentro da análise do campionato, a edición deste sábado contará coa participación de arredor de catrocentos atletas, que competirán polas medallas autonómicas e tamén polas marcas mínimas de acceso aos Campionatos de España. A pesar dalgunhas ausencias destacadas, agárdase un ambiente competitivo moi intenso e probas especialmente abertas.

Nos 60 metros, Antón Rivero e Cristina Garrido parten como principais aspirantes ao título. Nos 200 metros, Eloy García do Marineda At. é o único atleta masculino que baixou dos 22 segundos esta tempada, mentres que Lucas Vázquez do At. Barbanza destaca nos 400 m tras rachar a barreira dos 49 segundos.

En categoría feminina, espérase un emocionante duelo nos 200 metros entre a líder do ano, Inés Oitaven, e Andrea Pais, que reaparece en Expourense.

Nos 800 metros, ante as ausencias de Adrián Ben, Pedro Osorio e Celia Castro, tomarán protagonismo Anxo Lado do Atl. Narón e Irma Veiguela do Sanysec-Ourense, ambos coas mellores marcas do ano.

Duelo nas probas de medio fondo e fondo

Nos 1.500 m, destaca o enfrontamento entre Pablo Ulla da Gimnástica, e o campión galego de campo a través David de la Fuente, que tamén competirá nos 3.000 m.

Na categoría feminina, o 1.500 vivirá un interesante duelo entre Sara Guedes e Leyla Villar, que chega coa mellor marca das inscritas.

Unha das grandes atraccións será a presenza das irmás internacionais Debris e Demeku Paniagua Atl. Pino, que competirán nos 3.000 metros.

Valos, saltos e lanzamentos con grandes nomes

Nos valos destaca a participación da plusmarquista galega absoluta Uxía Pereira. En categoría masculina, as ausencias de Hugo Vázquez e David Vicente deixan como principal favorito ao lucense Santi Rozas do Lucus CRG.

En salto de altura, só dous atletas superan os dous metros: Adrián Pastoriza (2,04) e Gael Couñago (2,00), sen esquecer a Sergio Gil en gran estado de forma. No feminino, Iria Solera e Andrea Reija (Sanysec-Ourense) son as principais aspirantes ao título.

A ourensá e medallista de bronce Sub23 Manuela Blanco, buscará no concurso de pértega superar a barreira dos  catro metros e continuar ca súa progresión. Nos homes, Pablo Fernández e Miguel Carbajales parten como favoritos na mesma modalidade.

Sergio Coello da Gimnástica en lonxitude, intentará mellorar os seus 7,48 m, mentres que no triplo haberá máxima igualdade entre Unai Loureiro do Riazor Coruña e Alexander Barreiro do Lucus CRG. No apartado feminino, destacan as internacionais Olaia Guisela Becerril e Diaou Diallo, que regresa tras varias lesións. No triplo, Alba Martínez aparece como atleta a bater.

No lanzamento de peso, a ausencia do récord galego Fernando Vallines abre a porta a un novo título para Víctor Gallego, coa oposición de Miguel Ángel Granados. No feminino, Xiana Lago, medallista Sub23 e en gran forma, parte como clara favorita.

Por último nas combinadas Martina Gutiérrez do Celta At. defende os 2.953 puntos logrados este mesmo ano na localidade portuguesa de Braga e nos homes será Aitor Fernández quen compita por un bo rexistro.

Compartir