Saltar ao contido
Campionato Internacional

Ourense preparase para ser a capital mundial do deporte inclusivo

Do 6 ao 9 de marzo, Ourense converterase no epicentro do atletismo inclusivo coa celebración do 2026 Virtus World Short Track Championship, un dos eventos internacionais de maior prestixio para deportistas con discapacidade intelectual.

Baixo o lema “On your marks, Ourense”, a cidade de As Burgas ultima os detalles para acoller unha cita que promete ser histórica, e todo elo, baixo a experiencia da celebración o ano pasado na mesma instalación do I Campionato de España de Atletismo en pista curta FEDDI que xuntou a máis de 300 atletas procedentes de 12 comunidades autónomas.

Durante os seis días de celebracións, seleccións procedentes de distintos puntos do planeta daranse cita na pista para competir en probas de velocidade, resistencia e remudas.

Para Iván Sanmartín, Presidente da FGA “Non será só un campionato, será un encontro entre culturas, un escaparate de talento e unha reivindicación do deporte como ferramenta de inclusión e igualdade na que Ourense e o atletismo galego, prepáranse para estar á altura do desafío”

Actores importantes

Instalacións deportivas, equipos técnicos, voluntariado e cidadanía traballan xa para ofrecer un escenario onde cada atleta poida render ao máximo e sentirse protagonista. Para moitos deles, esta cita representa a oportunidade de medirse cos mellores do mundo e de demostrar que o alto rendemento non entende de barreiras.

Agárdase  que o campionato deixe imaxes difíciles de esquecer: abrazos entre rivais, emocións desbordadas nos podios e un público entregado acompañando cada saída e cada chegada a meta.

En cada carreira, cada salto e cada lanzamento o esforzo individual converterase nunha mensaxe colectiva de superación ata o 9 de maio día no que se apaguen as luces de Expourense e as delegacións emprendan o regreso a casa, deixando na cidade unha mensaxe clara: nesta pista, como na vida, todos merecen tomar a saída en igualdade de condicións.

Máis información

Compartir