Nace “Terra Move”, a ferramenta de mecenado deportivo

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou onte na presentación la plataforma solidaria Terra Move, impulsada pola Xunta en colaboración coa Fundación Amare Terra. Trátase dunha ferramenta de mecenado deportivo, na que o Goberno galego inviste 250.000 euros, o 45% do custo previsto para o período 2025-2027, no que se desenvolverá ata a súa consolidación e proxección.
Así, Terra Move nace como unha ferramenta dixital que facilita, de xeito gratuíto e solidario, a captación de fondos por parte de clubs, federacións e deportistas para os proxectos de interese común que estes promovan a través da plataforma. Cada entidade rexistrada recibirá de xeito directo os fondos e recursos que se recaden como doazóns para as súas respectivas campañas. Pola súa banda, as doazóns realizadas a través da plataforma poderán beneficiarse das deducións fiscais previstas na lexislación española.
Entre as principais liñas de traballo de Amare Terra atópase o fundraising solidario para o deporte e proxectos de interese xeral. Nesta liña, o conselleiro sinalou que este mecanismo solidario e accesible permite que as entidades reciban todos os fondos recadados. Trátase dunha acción ampla que impulsa e desenvolve un mecenado e colaboración para o fortalecemento das entidades do ecosistema deportivo galego facéndoo dun xeito innovador, participativo e sostible.