A Selección masculina Sub16 sube ao podio en La Nucía

Fantástico balance esta fin de semana o colleitado pola nosa Selección Galega Sub16 no seu desprazamento correspondente ao Campionato de España de Seleccións desenvolto en La Nucía.
Durante os dous días que durou o campionato, a canteira do atletismo galego amosou a súa gran capacidade competitiva que os levaban ao remate da primeira xornada a liderar a clasificación en homes e ata o oitavo posto na categoría feminina.
Xa na segunda xornada do domingo, o equipo masculino foi quen de aguantar o empurre das potentes selecións de Castela-León, Andalucía, Catalunya e Madrid, logrando rematar o campionato no terceiro posto do podio, cedendo tan só ante casteláns e andaluces que se xogaron o título nun emocioante final. Pola súa contra, ao equipo feminino remontaba un posto no domingo, rematando a súa actuación nun meritorio sétimo posto da clasificación xeral, gañada polo combinado madrileño.
En canto a actuación individual dos nosos representantes, salientar o campionato de Gabriela Bouzada que lograba o triunfo e a suma máxima de puntos na proba de xavelina con 45.74 m. Por parte masculina, fixeron o propio Enrique García nos 3.000 m. e Xoel Franco nos 1.500 obstáculos. Xunto eles, uns extraordinarios Mauro Seguín nos 300 valos e Bruno Castro na lonxitude, non só lograban impoñerse nas súas probas si non que cos rexistros de 38.52 e de 6.85 m. respectivamente, conseguían mellorar as plusmarcas galegas Sub16.
Continuando cos récords galegos batidos, Joel Santana asinaba nos 100 valos un crono de 13.51 rebaixando os 13.59 que el mesmo tiña deste ano, e que daban ao vigués a segunda posición da proba. A maiores resultaron tamén notorios os postos de podio obtidos por Mateo Refojo nos 100 m.; Mateo Valcarce na marcha; Olivia Gutiérrez en lonxitude, así como os equipos de remudas 4×100 mulleres e 4×100 homes que voltaban cun novo récord galego grazas a actuación de Bruno Pereira, Lois Corral, Martín Saavedara e Iyan Ríos