Saltar ao contido
Federación

Cinco distincións para o atletismo nos premios ao Deporte Galego

A Secretaría Xeral para o Deporte, vén de resolver o acordo do xurado cualificador dos Premios do Deporte Galego dos anos 2023 e 2024 que será publicado este venres no Diario Oficial de Galicia. A gala de entrega dos galardóns celebrarase o mércores 10 de setembro no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.

Nesta ocasión, os premios que recoñecen aos máis destacados axentes do ámbito deportivo de Galicia, distinguen a 25 premiados nas 19 categorías de 2023, así como 23 nas mesmas categorías de 2024.

No tocante ao atletismo, destacan as distincións ao mellor deportista masculino galego 2023 que corresponde a Adrián Ben quen será galardoado xunto aos mellores deportistas con discapacidade que na categoría feminina recibirán (ex aequo) Adi Iglesias e Susana Rodríguez e na categoría masculina Gustavo Dacal.

No apartado de equipos, o Club Deportivo Delikia, nas súas modalidades de tríatlon e atletismo, recibirá a distinción ao mellor conxunto inclusivo.

Xa na relación de premiados do ano 2024, figura a xuíz olímpica Dolores Rojas quen novamente recibe un xusto e merecido recoñecemento a súa gran traxectoria deportiva e profesional que a conducían o pasado ano, a tomar parte nos seus cuartos Xogos Olímpicos.

A todos os premiados e nomeados, parabéns.

Compartir