Próxima parada, Lourenzá

Logo da disputa do pasado fin de semana do Campionato Xunta de Galicia de Carreiras de Montaña, continuamos avanzando neste mes de setembro, e facémolo este sábado organizando no Concello de Lourenzá por cuarto ano consecutivo, o Campionato Galego de Milla en Ruta e de 1Km. e cuxa presentación oficial, tivo lugar fai uns días.
A este campionato están chamados a tomar parte un total de douscentos atletas que nas categorías de Sub10 ata Sub16 tomarán parte sobre a distancia do quilómetro e dos Sub18 en adiante faranno sobre a distancia da milla.
Campionato Galego de Milla
Na relación de inscritos estarán participando o campión galego absoluto da pasada edición e máximo favorito absoluto, David de la Fuente quen abre o novo curso atlético con gañas de comezar forte e sumar este primeiro título galego.
Xunto ao atleta do Pinarium, estará tamén sobre o circuito de Lourenzá o internacional que recentemente lograba a segunda posición no Festival Olímpico da Xuventude celebrado en Macedonia, Alex Sierpes do Vicky Foods.
Moi pendetes tamén do que poidan facer os campións do ano pasado Clara Millares de El Canario na F35; Roberto Martínez do Pinarium na M40; Rebeca Soto do At. Narón na F45; Jorge Veleiro do Burgas Ourense na M50; Rocío Díaz do SD Compostela na F55 así como Domingo Álvarez do Egovarros de Viveiro na M70.
A proba absoluta feminina arrincará ás 18:45 horas estando prevista a masculina para as 19:00 horas
Campionato Galego de 1K
Tamén celebrarase o Campionato Galego de 1K a partir das 16:45 horas para as categorías base, que contará con destacada presenza de participantes procedentes entre outros dos clubs Maderas Barcia Lourenza Cervo, Atletismo Guitiríz, Atletismo Ribadeo, Atlética Lucense e Atletismo Ría de Foz.