Saltar ao contido
Campionato de España

Toimil, Chamosa e Ben, liderarán ao atletismo galego en Tarragona

Un total de 43 atletas galegas e galegos (22 mulleres e 21 homes) tomarán parte durante esta fin de semana no Campionato de España absoluto que se levará a cabo na localidade de Tarragona.

Nunha edición na que se deixarán notar as baixas tanto de Ana Peleteiro como de Yulenmis Aguilar, o grupo expedicionario parte co obxectivo de dar practicamente remate a unha tempada na que as últimas grandes citas, para uns, serán o campionato de Europa Sub20 e sobre todo o campionato do mundo do vindeiro setembro en Tokio.

Toimil, Ben e Chamosa, as opcións máis claras

Entre a relación de atletas destacados, contaremos ca presenza dos olimpicos Belén Toimil no concurso de peso e de Adrián Ben quen estará participando na proba dos 1.500 m. Tanto a mugarseda campioa de España nas ultimas cinco edicións, como o viveirense subcampión no 2024, parten ca mellor marca dos participantes que os posicionan como favoritos ao podio. Xunto eles estarán en terras tarraconenses,  tanto Antía como en Dani Chamosa, nun ano moi importante para ambos no que intentarán confirmar o seu excelente estado de forma e preparar polo miúdo, a cita mundialista de Tokio.

Seguindo co resto de participantes, Pedro Osorio nos 800 m. e David de la Fuente nos 5.000 m., loitarán por un posto na final co que poñer un broche de ouro a súa gran tempada.

Nos valos contaremos ca presenza do subcampión de España Sub23 e plusmarquista galego Hugo Vázquez do Marineda At. así como a do internacional venezolano en combinadas Gerson Vidal Izaguirre que optan a un dos postos de finalista.

Nos 400 valos Lía Caride intentará repetir a excelente edición do ano pasado de La Nucía que lle permitiron tomar parte na final, debendo estar o gimnástico Xabi Lires na categoría masculina, por debaixo de 51.40 m. se desexa estar entre os oito primeiros.

Nas lonxitudes tanto Sergio Coello da Gimnástica de Pontevedra como Olaia Gisela Becerril serán as bazas galegas nunha proba dun gran nivel na que ambos están capacitados para ocupar os postos importantes.

Sobre o listón de altura, a subcampioa de España Sub18 Iria Solera, aséntase definitivamente entre as mellores especialistas, acudindo a este campionato como xusto e merecido premio a súa gran progresión. Na pértega Manuela Blanco do Ourense Atletismo será a menor das participantes, malia elo, intentará atacar a barreira dos 4 metros que a colocarían en postos de finalista e de paso achegaríanna a esos 4.01 do récord galego.

No corredor de xavelina, e ante a ausencia da olímpica Yulenmis Aguilar por lesión, correspóndelle tanto a Lara Iglesias como a campioa de España e internacional Lidia Parada, que este ano reaparecería logo das súas lesións, estar na loita polos metais xunto a unha Paula Piñón quen acude con gañas de estar nos postos importantes.

No disco estará o ecuatoriano Juan José Caicedo, quen xa defendera a Selección Galega no último campionato por Seleccións, o claro favorito a gañar a proba, malia que sen dereito a podio. Continuando cos lanzamentos, no martelo o valdeorrense da Gimnástica Carlos Revuelta, volve estar un ano máis na élite dunha proba que contará na categoría feminina cas internacionais e campioas de España Sub23  Blanca Pereira do Ourense Atletismo e Sub20 Aixa Corbacho, con opcións de facer rexistros importantes.

 

Compartir