A FGA e USC reforzan a súa colaboración

No día de onte reunironse na Reitoria da Universidade de Santiago o Presidente da FGA Iván Sanmartín, o Reitor da USC Antonio López e o delegado do reitor para o Deporte Javier Rico, para facer balance do convenio de colaboración suscrito por ambas entidades no marco do emprego das instalacións atleticas.
Durante a mesma, púxose de manifesto a excelente colaboración e entendemento entre Federación e Universidade, que fixo posible que desde a súa homologación a comezo do ano 2023, se acolleran máis dunha trintena de actividades federativas pola que pasaron máis de 6.000 deportistas. O Complexo ten agora pendente avanzar na súa reforma integral para poder dar acubillo ao público das competicións.
Para Iván Sanmartín, a pista de atletismo da USC “é unha instalación esencial para a nosa modalidade deportiva, tanto polo seu emprazamento xeográfico central na xeografía galega como polo propio perfil das instalacións”. Como se puxo de manifesto no encontro na Reitoría da USC, para o óptimo aproveitamento da súa capacidade resulta preciso avanzar na súa reforma integral, particularmente no relativo ao mantemento da grada cuberta. Neste senso como indicou o reitor, a USC asumiu unha reforma parcial das instalacións para poder dar servizo no día a día da instalación e tamén albergar eventos de ata 350 espectadores/as. Non obstante, á vista do volume de actividades e afluencia de público, “é preciso unha reforma integral se o tecido deportivo atlético, a federación galega e as institucións queren que este Complexo albergue eventos deportivos con público”, engadiu o delegado Javier Rico.
Nos últimos anos, a USC ten desenvolto un esforzo importante por abrir as súas instalacións e servizos deportivos á cidadanía e á contorna deportiva, máis alá do uso restrinxido para a comunidade universitaria. A finalidade é reafirmar a súa vontade de facer dos seus espazos un punto de convivencia que sirva de utilidade á veciñanza e á comunidade deportiva de Compostela e de Galicia
Un acordo que beneficia a ambas entidades
En virtude do acordo de colaboración que manteñen vixente a USC e a Federación Galega de Atletismo, a entidade deportiva comprométese a colaborar na organización de actividades de atletismo na USC a asesorar na programación deportiva.
Pola súa banda, a USC cede o seu complexo deportivo para competicións e actividades organizadas pola federación así como espazos da área deportiva para gardar material, ademais de facilitar o acceso gratuíto á pista de atletismo a dez atletas en cada tempada elixidos pola propia federación.