Saltar ao contido
Federación

Ourense presenta a súa XLII Copa Deputación de Atletismo

A pista de atletismo “Josefina Salgado”, situada no Complexo Deportivo de Monterrei, acolleu no día de onte o acto de presentación da XLII Copa Deputación Ourense de Atletismo, unha das competicións máis emblemáticas do calendario deportivo provincial.

Ao acto asistiron Enrique Álvarez, asesor de Deportes da Deputación de Ourense; Manuél Pérez, xefe do Servizo Provincial de Deportes da Xunta de Galicia; Máximo Fernández, presidente da Escola Atlética Pereiro de Aguiar – Ben Cho Shey; e Lalo Gómez, vicepresidente da Federación Galega de Atletismo. Todos eles coincidiron en salientar a importancia desta competición como ferramenta de promoción do deporte de base, da cohesión territorial e do apoio ao talento atlético da provincia.

A XLII edición da Copa desenvolverase en varias xornadas en diferentes concellos ourensáns, o que pon de manifesto a súa vocación integradora e descentralizadora.

O calendario de competicións é o seguinte:

1 de maio: O Pereiro de Aguiar – Final Sub10 e Sub12
16 de maio: O Pereiro de Aguiar – Final Absoluta e Máster
23 de maio: O Barco de Valdeorras – Final Sub14 e Sub16
15 de xuño: Esgos – Final Trail Running
Outubro (data por confirmar): Xinzo de Limia – Final Campo a Través

A Copa Deputación de Atletismo reafírmase como unha iniciativa consolidada que fomenta a participación e o espírito deportivo entre atletas de todas as idades e categorías, servindo de plataforma tanto para a base como para os deportistas veteranos.

A colaboración entre a Deputación de Ourense, a Xunta de Galicia, a Federación Galega de Atletismo e os clubs organizadores permite ano tras ano ofrecer un circuíto atractivo e competitivo, contribuíndo tamén á dinamización social e deportiva das distintas comarcas da provincia.

Compartir