Saltar ao contido
Arquivo

Éxito de participación no Trofeo Vila de Cangas. Solange Pereira, mellor marca nacional en 1500 m.

O X Trofeo Vila de Cangas de atletismo en pista disputado o pasado sábado foi un dos máis concorridos da tempada
con case medio millar de participacións, pertencentes a 30 clubs, o que xerou importantes atrasos no desenvolvemento das probas. A programación estaba moi centrada nas categorías menores, nas que o
Vila de Cangas, club organizador, realiza un importante labor de formación, pero tamén se rexistraron marcas interesantes por parte de atletas máis consagrados.
Os gañadores do Trofeo por táboa internacional foron Solange Pereira e o portugués Hélio Gomes, ambos os dous corredores do 1500 m, con tempos de 4,17,24 -mellor marca española do ano- que vale
1071 puntos e 3,54,04, equivalente a 926 puntos, respectivamente.
Conseguíronse varias mínimas para os distintos campionatos nacionais e houbo actuacións destacadas como as dos pertegueiros Sergio Tellería, 4,50m e Beatriz Viteri, 3,60m. En disco Martín Liste (A
Silva) lanzou 46,68m, 3º júnior de España e Pablo Castro, 43,43m, 5, e en féminas, Eva Costas, 38.47 m; Óscar Broullón (Vina) asinou 13,16 m en peso de 5 kg David Ferrer (SGP) gañou a lonxitude con
6.58 metros.
O milqui foi a proba estrela, aínda que acumulou moito atraso que a privou de público. Ademais de Solange Pereira e Hélio Gomes, que rodou en solitario, sobresaíron Tariku Novales (At. Noia),
4,00,12 e Ángela González (Comesaña), 4,39,25, ambos os dous en segunda posición do ránking nacional xuvenil. A carreira feminina comezou forte, con Yuliana Velasquez facendo de lebre para Solange,
e rematou cun bonito duelo pola terceira posición entre Carmela Cardama (Comesaña), Eva Cid (Val Miñor) e Rocio Rodríguez (Val Miñor), resolto a favor desta, e cuns tempos que as sitúan entre as
mellores de España na modalidade.
As numerosas series de 1000 m deixaron marcas como as das benxamíns Carmen Juanatey (Fontes do Sar) que correu en 3,00.0. e Clara Fernández (AT. Barbanza) en 3,06,3 e a cadete Claudia Blanco(At.
Noia) en 3,02,15.
O Vila de Cangas e a Agrupación Viguesa de Atletismo foron os clubs con maior representación, con numerosos atletas de categorías inferiores que conforman a súa canteira.

noticias
Compartir