Resultados

O atletismo galego chora a Virgilio González

Hoxe despertamos ca triste nova do falecemento de un dos máis queridos e carismáticos adestradores galegos, Virgilio González Barbeito.

Nado en Ponteareas no ano 1941, pertence a esa marabillosa xeración que deu a época dourada do atletismo galego dos anos sesenta e setenta, na que xunto aos nomes dos míticos de Carlos Pérez, Álvarez Salgado, Ramón Magariños ou Carlos Gayoso, entre outros,  levaron ao atletismo galego a un nivel de escala mundial.

As súas excelentes cualidades non pasaron desapercibidas para o histórico adestrador Luis Miró quen moi pronto viu o seu gran potencial que o levarían a ser 25 veces internacional.  Destacou na súa vida atlética as cinco plusmarcas estatais e os dous títulos de campión de España nos 400 m. nos anos 1960 e 1961 así como a súa medalla de bronce, desta vez sobre a proba dos 800 m., nos Xogos do Meditarráneo no ano 1967.

Destacado e querido adestrador

Si exitosa foi a súa andaina como atleta non menos a foi como adestrador. A cabalo entre Madrid e Vigo, chegou a ser adestrador do tamén finado líder socialista Alfredo Pérez Rubalcaba quen lograba baixar dos 11 segundos na proba dos 100 m.

Xa instalado definitivamente en Vigo e sendo fisioterapeuta, daba comezo a súa importante implicación na formación de futuros atletas galegos entre os que cabe salientar a Jose Ramón Rey, Virginia Villar ou Javier Fidalgo por citar tan só algúns.

Na actualidade, e malia que reducira a súa actividade como adestrador, seguía mantendo a preparación dos atletas Lía Caride e David Abalde.

Desde a Federación Galega queremos transmitir todo o noso máis profundo pesar e sentir a familiares e achegados pola perda dun dos nosos máis queridos e importantes membros.

Máis información sobre a súa vida: Vida Atlética de Galicia de Emilio Navaza

 

Compartir: