O pasado venres desenvolveuse no Pazo de Mariñán a Gala de premiación correspondente ao IX Circuito de Carreiras da Deputacion da Coruña que xuntaba no fermoso marco natural das Mariñas a boa parte dos premiados e premiadas da pasada edición.
Pola tarima do salón de actos, no que estivo presente o Deputado de Deportes da Deputación da Coruña Antonio Leira así como o Presidente da FGA Iván Sanmartín, foron desfilando os distintos e distintas premiadas.
Entre as mesmas atopábase a gañadora individual absoluta Elena Veres do S.D. Compostela Atletismo quen lograba sumar un total de 189 puntos no total de 21 carreiras das que tomaba parte. Acompañando a compostelanista estiveron nos postos de honra María Tarrio do SD Compostela e a máster Elvira Tresguerras do Atletismo Sar.
No que respecta á categoría masculina novo triunfo no individual para Amador Pena do S.D. Compostela quen tomaba parte en 20 carreiras sumando un total de 191 puntos. Con este novo triunfo o atleta internacional máster, suma nada menos que o seu sexto título oficial (sen contar os anos 20/21) do Circuito Deputación. Xunto ao hexagañador estiveron compartindo podio Francisco Javier Cepeda do Noitebra e Santiago Alvarez Loureiro.
No que respecta á clasificación por clubs absoluta o SD Compostela Atletismo convertíase no gran triunfador da edición 2023 ao sumar os títulos no colectivo tanto na categoría masculina como na feminina. Pola súa banda, a categoría de menores estivo algo máis repartida, con triunfo para o Club Atletismo Noia en mulleres e Asociación Deportiva Olimpia de Cee en homes.