Dous títulos nacionais e catro postos de finalistas foi o balance da actuación galega no Campionato de España de Marcha en ruta máster e de promoción que se levou a cabo esta fin de semana na localidade madrileña de Getafe.
Tanto Aldara Meilán na categoría Sub18 como Juan Manuel Morales do Marineda At. na categoría M40, confirmaron os prognósticos impoñéndose nas súas respectivas distancias. A internacional lucense invertiría un rexistro de 22:48 sobre os 5 Km. polos 44:50 nos 10 Km. do campión mundial do Marineda.
Na categoría F50 Soledad Castro do Ourense Atletismo, lograba a terceira das medallas galegas logo de entrar en meta no terceiro lugar sobre a distancia dos 10 Km. con 1h.02:51
No resto de actuacións, compre salientar o quinto posto da Sub16 Icía Ares de A Silva nos 3 Km. así como o oitavo lugar do Sub18 Nicolás Collazo do At. Ames Savante sobre os 5 Km.
Na categoría máster tamén lograron postos de finalista Emilia Rodríguez do Atletismo Sada e Herminia Grande do Ourense Atletismo na F45.
Excelentes Carmen Escaríz e Dani Chamosa
A maiores tamén acudiron un bo número de marchadores galegos a tomar parte no Trofeo Asociación Deportiva Buena Vista que se disputaba conxuntamente co campionato de España. Na mesma, Carmen Escaríz do Ourense Atletismo lograba cos seus 44:29 o triunfo da proba e de paso, estabrecer un novo récord galego da modalidade impoñéndose a boa parte das mellores especialistas da distancia o que confirma o bo arranque da internacional. Pola súa banda Dani Chamosa da Gimnástica, tamén lograba a victoria masculina cun excelente rexistro de 40:45 que supón unha MMP.