Resultados

Federación e Concello de Santiago suman esforzos

No día de hoxe o Presidente da FGA Iván Sanmartín e o Vicepresidente da FGA Eladio Gómez mantiveron unha xuntanza de traballo ca concelleira de deportes de Santiago Pilar Lueiro.
No decurso da mesma abordáronse diversos proxectos de índole competitivo como a celebración da San Silvestre 2023 e o importante circuito Corresán 2024, momento no que tamén se aproveitaría para falar da idoneidade de recuperar a Milla Portas de Compostela que xa fora, en edicións pasadas, sede de campionato galego.

Durante a xuntanza, San Martín quixo poñer especial énfase sobre as infraestructuras atléticas, en especial, a de San Lázaro que continúa sendo o principal motivo de reivindicación federativa. Tamén houbo tempo para coincidir sobre o importante servizo que está a dar nestes intres a remodelada pista universitaria de atletismo ao conxunto do atletismo galego.

A xuntanza, que serviu para constatar o excelente entendemento entre os dous organismos, abriu a porta á colaboración e subvención por parte do Concello, dalgúns dos distintos campionatos que se levarán a cabo na capital galega durante o 2024.

Compartir: