Tralas vacacións, a Federación Galega de Atletismo establece unha intensa axenda de encontros institucionais nos diferentes ámbitos da xeografía galega.
Iván Sanmartín e Suso Vázquez, Presidente e Vicepresidente da FGA respectivamente, intercambiaron opinións e plantexamentos con Diego Calvo, Vicepresidente Primeiro da Xunta de Galicia e Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes , así como con Natalia Prieto, Directora Xeral de Administración Local do ente autonómico. Quedaron emprazados para un próximo encontro de traballo, de cara a abordar diferentes posibilidades coa administración autonómica, a maiores de todo o traballo conxunto que xa se está levando a cabo, a través das funcións públicas delegadas da Xunta na propia Federación, así como acordos específicos para diferentes eventos.
A axenda de encontros institucionais continuará nesta semana, cunha xuntanza con Pilar Lueiro, Concelleira de Deportes de Santiago de Compostela para valorar diferentes plantexamentos co Concello de Santiago.
A semana traerá tamén consigo, un encontro con Antonio Leira, Deputado de Deportes da Deputación da Coruña, que xa colaborou dun xeito directo coa FGA en pasadas lexislaturas. Deste xeito, a FGA toma o pulso das diferentes necesidades e posibilidades que se poden dar coas institucións de cara a satisfacer as diferentes demandas do tecido atlético.