O vindeiro día 3 de xuño as rúas coruñesas de Cantones presenciarán novamente polo seu emblemático circuito, unha nova edición correspondente ao XXXVI G.P. Cantones de Marcha atlética – Trofeo Sergio Vázquez, o primeiro dos que se celebra sen a presenza do seu fundador Sergio Vázquez.
Unha ausencia insubstituible
Todo daba comezo un lonxano 16 de maio do ano 1987 cando Sergio Vázquez, con apenas tres anos na presidencia da Federación Galega de Atletismo, decidía por en funcionamento unha modalidade de marcha en ruta para impulsar esta especialidade con escasa implantación no atletismo autonómico. Grazas ao seu carisma e a súa capacidade de xestión , de seguido conseguía os apoios económicos precisos dos principais organismos administrativos da Xunta, Deputación e Concello coruñés, organismo este último que desde entón apoiaría decididamente e sen fendas cada edición.
Xunto ao entusiasmo de Sergio Vázquez, peza fundamental sería Jordi LLopart que por aquel entón, e grazas á sua medalla de prata olímpica en Moscova-80, contaba con excelentes contactos que non dubidaron en acudir a esta primeira cita inaugural. Entre eles atopábanse os primeiros campións olímpicos e auténticos mitos en pisar Cantones, dos moitos que pasarían despois, Ernesto Canto e Maurizio Damilano, os cales contribuiron a facer da primeira edición, o punto de partida do que sería anos despois, a máis importante proba mundial de marcha a nivel organizativo de todas cantas se celebran.
Con ese importante punto de partida foi medrando en cantidade, pero sobre todo en calidade, a proba de Cantones no que detrás de cada edición estaba sempre a incansable figura do seu fundador Sergio Vázquez, que casi actuando como un pai, mimaba e coidaba ata o último detalle os distintos aspectos organizativos e competitivos dunha proba que acabaría trascendendo fronteiras.
Por desgracia, este ano será a primeira vez que se dispute sin a presenza de Sergio, quen ata prácticamente os últimos días, quixo estar sempre presente ¨na súa proba¨. A fortuna, moitas veces agradecida, quixo a modo de última despedida que poidera estar presente o ano pasado na colocación da placa que distingue e encumbra a esta proba ca máxima distinción de Patrimonio Mundial do Atletismo nun acto, no que todos quixeron estar presentes, como mostra de recoñecemento e admiración, a unha figura que fixo posible facer dun gran soño unha gran realidade.
Continúan as confirmacións
Cambiando de aspecto, o vindeiro domingo 21 de maio disputarase na cidade da República Checa de Podebrady, o Campionato de Europa por Equipos, cun total de 220 atletas participantes: 115 homes e 105 mulleres.
Da lista de participantes, a día de hoxe hai un total de 27 marchadores/as que confirmaron asistencia ao XXXVI Gran Premio Internacional de Marcha Atlética Cantones de A Coruña – Trofeo Sergio Vázquez. Entre os que se atopan, o actual podium do 20K. Marcha do Campionato de Europa disputado en Múnich 2022, Álvaro Martín, Perseus Karlstrom e Diego García Carrera, ouro, prata e bronce respectivamente.
Massino Stano, Campión Olímpico Tokio 2020 en 20K., de Europa en 35K. en Múnic, o británico Kevin Campion, finalista en Múnic, Joao Vieira 5º na última proba de 50K. disputada nos XX.OO de Tokio 2020, Rui Coelho, así como os españois Alberto Amezcua e Álvaro López. No cadro feminino tomarán a saída xermana Saskia Feige, 3ª no Europeo de 2022, xunto ás españolas Mar Juárez; Lucía Redondo; Lida Sánchez-Puebla e as galegas Antía Chamosa e Carmen Escaríz, no que participarán as portuguesas, Vitoria Oliveira e Inés Mendes.
A gran favorita, a Campioa Olímpica de Tokio 2020, Antonella Palmisano esperará ao resultado que obteña en Podebrady para confirmar a súa asistencia a Cantones. No equipo español competirán na distancia de 35K. Miguel Ángel López actual Campión de Europa de 35K; Marc Tur; Manuel Bermúdez, o xermano Christopher Line e o francés Mattéo Duc. No cadro feminino do 35K. participarán as españolas: Raquel González, Subcampioa de Europa en Múnich na distancia; María Pérez plusmarquista española do 35K. e Cristina Montesinos, ademais da veterana marchadora portuguesa, Inés Henriques.
A próxima semana tras os resultados obtidos en Podebrady non se descarta a incorporación de novas e numerosas solicitudes a Cantones.