Resultados

Os lanzamentos galegos collen impulso

Excelente balance dos atletas galegos e galegas que estiveron esta fin de semana tomando parte nos Campionatos de España de Lanzamentos longos de inverno para as categorías absolutas e master.

No primeiro deles celebrado na localidade catalana de Gavá as nosas representantes colleitaban no concurso de xavelina os mellores resultados xa que desa modalidade sairían as dúas medallas. En concreto tanto Carmen Sánchez como Paula Piñón adestradas por Necho Fernandez, lograban o subcampionato nacional así medalla de bronce respectivamente con sendos lanzamentos de 50.59 m. e de 42.51 m. nun excelente comezo de tempada.

De igual modo no resto de actuacións acadaron postos de finalistas María Ezquerro en disco quen remataba de 5º con 48.32 m; Irene Gómez en martelo 5ª con 56.16 e Blanca Pereira do Ourense Atletismo 6ª con 54.08 m. Por último Carlos Revuelta da Gimnástica lograba a novena posición cun mellor lanzamento en martelo de 55.86 m.

Campionato de España de lanzamntos longos máster

Pola súa banda dez foi o número total de medallas colleitadas polos nosos e nosas mastérs no nacional de lazamentos longos de inverno levado a cabo en Durango.

Entre os títulos acadados destacan os dous ouros de Javier Viteri do Samertolameu na categoría M60 tanto no disco como na xavelina. Outra das atletas que lograba un dobre triunfo era Angeles Rodríguez de A Silva quen facía o propio co martelo e xavelina na categoría F65. Loreto Brea da Gimnástica no martelo na F45 lograba con seu lanzamento de 36.06 m. a mellor marca do campionato dunha modalidade, na que Xulio Ventín do Atletismo Sada na M60 sumaba o sexto título logrado polas nosas e nosos atletas.

A maiores tamén lograban estar en postos de podio nacional Ana Abuín de A Silva con dúas pratas en martelo e martelo pesado na categoría F60, novamente Xulio Ventín no disco na M60 e por último Santiago Ferrer da Gimnástica quen sumaba un bronce sobre esta mesma modalidade na categoría M65.

 

Compartir: