Resultados

Valencia e Barcelona revalidan títulos en Ourense

A pista cuberta de Expourense foi escenario esta fin de semana dun novo campionato de rango nacional que puxo a proba a capacidade organizativa do atletismo galego. Como xa acontecera cos máis de seis campionatos de rango estatal desenvoltos desde a súa inauguración a finais do 2017 (incluidos dous absolutos), este último campionato serviu para afianzar esa solvencia organizativa que unido a calidade da instalación cuberta, fan de Ourense un punto de referencia do atletismo nacional.

Importantes rexistros individuais

A calidade da instalación deixouse notar ao longo da competición, o que orixinou unha boa cantidade de boas marcas por parte dos participantes na que cabe salientar o récord de España do triplista Jordan Díaz (MV) quen chegaba ata os 17.49 m. e que ademáis o sitúan como líder do ranking mundial do ano. A maiores, moi destacado o concurso de peso cun Carlos Tobalina lanzando ata os 20.21 m. así como os 8.12 de Claudia Villalante nos 60 valos con 8.12 ou os 7.23 que sobre os 60 m. lograba a atleta  Jäel Sakura Bestué (MV) por citar algúns.

Valencia atletismo en mulleres e F.C. Barcelona en homes os máis completos.

Por clubs, tanto o equipo feminino do Valencia Atletismo como o masculino do F.C.Barcelona, revalidaron o campionato de España logrado o ano pasado, amosando nestes intres a súa hexemonía no panorama nacional. Especial relevancia ten o triunfo logrado polas levantinas quenes logran o seu vixésimo sétimo título do seu palmarés polos vinte do equipo catalán.

Por parte galega, o equipo organizador da Sociedad Gimnástica de Pontevedra, completaba un moi digno encontro pelexando en cada unha das probas e concursos con atletas de nivel internacional. O máis salientable do equipo pontevedrés foron os cuartos postos logrados tanto por Pablo Bocelo sobre os 1.500 m. con 3:55.44 como de Carlos Porto nos 3.000 con 8:11.25. Na categoría femenina, outra das xoias da nosa canteira, Sabela Castelo de categoría Sub16, lograba un crono nos 3.000 m. de 9:48.59 e un excepcional quinto posto.

A maiores, a plusmarquista nacional e atleta olímpica Belén Toimil, defendendo as cores do Playas de Castellón, lograba pola súa banda o triunfo no sector de lanzamento de peso. A tamén internacional e vixente campioa de España Saleta Fernández do Valencia Atletismo, completaba un moi bo concurso de altura logrando a segunda posición con 1.80 m.

 

Compartir: