Resultados

A tempada de pista cuberta pecha cun balance moi positivo

Unha vez rematado oficialmente a pista cuberta neste primeiro treito do ano (voltará novamente polo mes de outubro), toca facer balance destes primeiros tres meses de atletismo que deixaron aspectos tremendamente interesantes e positivos para o noso deporte autonómico.

Para comezar, o atletismo galego sumou un total de 92  récords galegos batidos no que vai de 2022. De entre os mesmos cabe salientar o récord do mundo logrado o pasado 15 de xaneiro, polo cuarteto Máster 65 nos relevos 4×800 m. composto por Pablo Fervenza, Xosé Lois Otero, Nemesio Gutiérrez e Domingo Álvarez.  A este importante logro, súmase a marca mundial W60 lograda por Esther Pedrosa o pasado 12 de febreiro nos 3.000 m. e que representa nada menos que a súa cuarta plusmarca mundial.

Seguindo con este balance de resultados no que a pista cuberta se refire, os nosos atletas lograron un total de 83 medallas nos distintos campionatos de España da modalidade. Dos mesmos destacamos os títulos logrados por Belén Toimil en peso, Saleta Fernández en altura e Ana Peleteiro en triplo durante o Campionato de España Absoluto levado a cabo en Ourense. Foi precisamente a organización deste evento, o máis importante a nivel  invernal realizado nestes meses na nosa Comunidade e que suma (desde a inauguración das pistas fai cinco anos) un total de cinco campionatos de España, todos eles rematados cun extraordinario balance positivo en canto a súa organización.

Outro dos aspectos importantes a ter presente, é a presenza dun importante número dos nosos e nosas atletas no Top3 do ranking nacional. En concreto os deportistas galegos aparecen inscritos ata en 95 ocasións nalgunhas das súas varias modalidades e categorías oficiais sendo un total 33 quenes encabezan a lista nacional, 32 ocupan o segundo lugar e 30 sitúanse no terceiro posto de honra do Top3. Entre as mesmas destacan novamente Belén Toimil, Saleta Fernández e Ana Peleteiro quenes encabezan os seus concursos na categoría absoluta. Xela Martínez na categoría Sub18 fai o propio en nada menos que ata en tres probas, os 800 m., os 1.500 m. e os 3.000 m.

No apartado de encontros internacionais destaca a posición de finalista lograda pola medallista olímpica  Ana Peleteiro nos recentemente pasados mundiais de Belgrado no concurso de triplo. De igual modo excelente debut de Carlota Salgado ca Selección, quen tomaba parte no Trofeo Ibérico Sub18 de combinadas en Madrid a principios de marzo logrando unha brillante segunda posición en Pentatlon.

O atletismo máster galego tamén gozou dun importante protagonismo a nivel internacional xa que nada menos que un total de 130 galegas e galegos (un 20,7% do total da participación estatal) tomaban parte no Campionato de Europa máster desenvolto en Braga do 20 ao 27 de febreiro. Desta importante cita regrasábase cun importante resultado de 33 medallas (17 ouros, 7 pratas e 9 bronces) que pon de manifesto a gran importancia deste sector no atletismo autonómico.

Para rematar, a Federación Galega de Atletismo organizou durante este primeiro trimestre unha importante actividade e oferta atlética en cada una das súas modalidades de aire libre, ruta, campo a través, trail, montaña e pista cuberta. Precisamente só na pista cuberta,  organizáronse un total de doce campionatos de Galicia, tomando parte, colaborando e organizando no desenvolvomento de mais de quince probas en cada un dos recintos cubertos atléticos dos que conta a nosa comunidade.

Compartir: