Presentación do Campionato de España máster de pista cuberta de Ourense

No día de hoxe tivo lugar a presentación no recinto cuberto de Expourense do Campionato de España máster de pista cuberta que acollerá os días 26, 27 e 28 deste mes, ao mellor atletismo nacional na capital ourensá.

Precisamente a presentación deste evento, coincidía no día de hoxe ca inauguración histórica da chegada do AVE á terceira cidade galega, o que vai supoñer unha vital vía de conexión e comunicación co resto do Estado. A este feito referíronse as distintas autoridades que tomaban parte na presentación do campionato nacional e onde Rogelio Martínez, Director Xerente de Expourense, abría a quenda de intervencións salientando a enorme importancia que o deporte ten no tecido económico da cidade, poñendo como claro exemplo a celebración desta cita nacional.

Isidoro Hornillos Presidente da Federación Galega de Atletismo, destacaba pola súa banda a gran capacidade loxística e organizativa do atletismo galego e concretamente o ourensá, que fixo posible a celebración de tres importantes campionatos de España ata o momento. Na mesma línea dirixíase o vicepresidente segundo da Deputación de Ourense Rosendo Fernández quen salientaba a gran calidade da instalación atlética cuberta.

Outro dos comparecentes, o concellal de Deportes de Ourense Mario Guede en calidade de anfitrión, daba as gracias ás distintas institucións presentes por elexir a súa cidade como sede deste campionato, lembrando de igual modo, a enorme importancia que se lle outorga desde o Concello ao deporte.

Por último, o Secretario Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia José Ramón Lete citaba ós dez récords do mundo do atleta galego máster Pepín Rioseco, para poñer en valor e exemplo o que este tipo de acontecementos e éxitos teñen na sociedade a nivel xeral.

 

Compartir: