Resultados

Parada obrigada no Gran Premio Cantones

O pasado fin de semana tería que ter acontecido o desenvolvemento dun dos grandes clásicos da marcha a nivel mundial como é o  XXXIV Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña – Trofeo Sergio Vázquez

O COVID19 que tantos estragos está a causar, sería finalmente motivo para que esta cita, referente mundial, deixara de celebrarse por vez primeira logo de 33 edicións ininterrumpidas de bo expectáculo.

Nomear ao Gran Premio de Cantones da Coruña é falar de todo un referente a nivel mundial da marcha atlética xa non só pola súa calidade organizativa, senón polo compromiso dunha cidade, dunhas xentes e dun público entregado ca súa proba que edición tras edición fai posible que polo seu circuito pasaran todas as lendas e mitos desta especialidade.

Son innumerables a cantidade de marchadores e marchadoras que competiron no circuito galego, dende que no ano 1987 o seu principal impulsor, o presidente da Federación Galega de Atletismo dende 1984 ata 2006 Sergio Vázquez, conseguiría xuntar a un importante número de atletas ó fronte dos cales se atopaba o campión olímpico Maurizzio Damilano. Dende aquela primeira edición, polos Cantones pasarían todas e cada unha das grandes lendas da marcha a nivel mundial entre os que se atopan nomes míticos como o propio Damilano, Robert Korzeniowski, Jefferson Pérez, Ernesto Canto, Yelena Nikolayeva, Olimpiada Ivanova ou Liu Hong, quen no ano 2015 establecería o récord mundial na distancia dos 20 km. cun rexistro de 1h.24:38

Toca agardar  o 2021 para continuar presenciando este importante acontecemento mundial que sería declarado no ano 2019 polo presidente da World Atletics Sebastian Coe, como Patrimonio Mundial do Deporte baixo estas palabras:  “Cando se trata de correr a pé, hai poucas competicións que coincidan coa talla e a historia do encontro na Coruña”

Compartir: